ACCIÓN CULTURAL

A SELIC leva o protagonismo do papel ao directo

06/06/2023 O Festival da Lectura desenvolverase na praza da Quintana do 9 ao 18 de xuño e contará coa presenza de 14 editoras, 7 librarías e 4 institucións. Como novidade este ano estrease a sección SELIC Criminal que nace coa vontade de converterse en referencia da novela negra a nivel ibérico.

A SELIC volverá á Quintana na súa sétima edición, que decorrerá entre o 9 e o 18 de xuño cunha programación de actividades diversas que teñen a lectura como protagonista, pero non no papel, senón no directo. A súa presentación tivo lugar hoxe na sala de prensa do Concello de Santiago, nun acto no que participaron a concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón; o director da SELIC, Camilo Franco, e o coordinador da SELIC Criminal, Xaquín Núñez Sabarís.

Mercedes Rosón fixo fincapé na importancia do Festival da Lectura para a cidade, "porque fai especial incidencia nas autoras e producións literarias de Compostela e isto vese reflectido no programa, non só nos contidos, senón tamén no propio proceso de produción do evento, no que están moi integrados os axentes locais". O evento axuda así a transmitir unha imaxe de Santiago "como ese gran espazo literario e creativo que é", concluíu.

"Da pandemia para aquí a SELIC medrou en tamaño e en argumentos sen cambiar a intención de que a lectura sexa o centro de todas actividades, pero combinándose con música, con performance, con teatro, e tamén mesturándose coa cidade", explicou Franco. Na súa opinión, isto fai crecer tamén a programación, que chega na presente edición a 75 actividades, e o número de participantes. Ata a carpa, como apuntou Rosón, tivo que ser ampliada para atender a todas as peticións recibidas.

SELIC Criminal

O Festival da Lectura estrea a SELIC Criminal, que non nace como un feito episódico senón con vontade de ficar. Esta sección, coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, pretende ser un "espazo de divulgación e de interacción co público" que responda a un modelo que xa existe noutros lugares, mais que se botaba en falta en Galicia, "tendo en conta a cantidade e calidade que houbo aquí nos últimos anos, e non só no literario". A SELIC é para Sabarís "idónea" para acoller esta iniciativa, dada a referencialidade que ten acadado na súa andaina.

O profesor subliñou tamén o interese en que esta sección non se limite ao ámbito galego, senón que se constrúa "en articulación con outras literaturas do Estado e da lusofonía", comezando polo veciño Portugal, ou con outros formatos, como o audiovisual. Catro mesas con diferentes orientacións temáticas permitirán profundar no xénero desde unha perspectiva construtiva, que non renuncia a atopar "elementos que permitan melloralo".

Alén do literario

Un ano máis, a SELIC mantén a súa aposta nunha programación que combina a lectura con outras disciplinas artísticas, como a música, o teatro ou o audiovisual. Así, desde a performance de Chévere ata as melodías de Christina Rosenvinge ou João Afonso, poderemos achegarnos a diferentes propostas que atopan no literario o seu nexo.

Na ampla oferta de actividades da SELIC destacan ademais os paseos, que van gañando forza ano tras ano. Entre eles, ata tres están enmarcados na sección Criminal do festival, algo que Sabarís relaciona coa forte compoñente xeográfica das ficcións negras. Tamén haberá outras propostas organizadas por diferentes editoriais (Alvarellos, Andavira, Galaxia, Positivas, Xerais), librarías (Aenea) ou entidades (AELG, Consorcio de Santiago, MAOS Innovación Social).

Librarías e editoriais

A todo isto súmanse as diferentes presentacións, formacións ou actividades organizadas desde as librarías e editoriais participantes, entre as que salientan as sinaturas de libros. Este ano serán 25 expositores os que conformarán a área da SELIC na Quintana. Neles atoparanse 14 editoras, 7 librarías e 4 institucións, máis o propio festival, que terá posto propio este ano.

Colaboracións

A SELIC contará nesta edición coa colaboración da Fundación Antonio Pereira e da Fundación Carlos Casares, así como do Festival Internacional de Narración Oral Atlántida, da Biblioteca Ánxel Casal e de Agareso. Igualmente, amplía o traballo que xa viña desenvolvendo con centros de ensino, organizando cinco visitas de alumnado non só compostelán, senón tamén de Brión ou Fisterra.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: