RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

San Marino amosa o seu interese en establecer relacións de cooperación turística con Santiago

02/06/2023 O concelleiro de Relacións Institucionais en funcións, Sindo Guinarte, reuniuse hoxe con Giovanni Francesco Ugolini, quen foi Capitán Rexente de San Marino nos semestres do 1 de abril ao 1 de outubro de 2002; e durante o semestre do 1 de outubro de 2010 ao 1 de abril de 2011. No encontro, Ugolini amosou o seu interese en establecer relacións de cooperación turística entre os departamentos de turismo de Compostela e de San Marino. Tamén asistiu Andrea Paesini, embaixador do Camiño de San Marino.

É a quinta vez que Giovanni Francesco Ugolini percorre o Camiño de Santiago, neste caso o Camiño Inglés. Durante a súa estancia en Santiago tamén se reuniron co arcebispo e entregáronlle a "testemuña" e credenciais do "Camiño de San Marino", que están promocionando.

A República de San Marino atópase na provincia de Rímini, na Emilia Romaña. É o terceiro estado independente máis pequeno de Europa despois de Mónaco e o Vaticano. De feito, a extensión do seu territorio é de algo máis de 60 quilómetros cadrados. Está dividido en nove lugares diferentes, chamados Castelos.

O Estado de San Marino, que igual que Santiago é Patrimonio da Humanidade, está considerado a república máis antiga do mundo, xa que mantén esta forma de goberno desde o século XIII.

Compartir: