CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Alameda de Santiago acolle este venres as actividades para a cativada do "Día Internacional do Xogo"

25/05/2023 O Paseo da Ferradura, na Alameda de Santiago, acollerá mañá distintas actividades de ocio programadas pola Rede de Centros Socioculturais para conmemorar o "Día Internacional do Dereito ao Xogo". A partir das 17:00 h, nenos e nenas poderán gozar co circuíto de xogos tradicionais, creativos e cheos de diversión, así como co espectáculo "Canta Música" de Pablo Díaz.

O Concello de Santiago pretende con esta iniciativa reivindicar a importancia do artigo 31 da "Convención sobre os Dereitos da Infancia" no que se pon de manifesto que "xogar é un dereito". Neste artigo recoñécese "o dereito dos nenos e nenas ao descanso, ao lecer, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade", así como a "participar libremente na vida cultural e nas artes".

O "Día Internacional do Dereito ao Xogo" conmemórase o 28 de maio co obxectivo de recordar en todo o mundo que o xogo é recomendable para todas as persoas, non importa a idade, e de forma fundamental para a infancia pola súa relevancia na educación e no desenvolvemento dos nenos xa que fomenta a súa creatividade e curiosidade e favorece a xestión das emocións, así como o desenvolvemento das súas habilidades sociais, entre outras moitas cousas.

Compartir: