EMPREGO

Santiago, única cidade galega entre as quince con menores taxas de paro, segundo os datos de indicadores urbanos difundidos polo INE

24/05/2023 Santiago de Compostela é a única cidade galega incluída no ránking das quince urbes con menor taxa de desemprego de España, segundo reflicte a nota de prensa que onte fixo pública o INE (Instituto Nacional de Estatística), tomando como referencia o proxecto "Indicadores Urbanos". Este estudo ofrece información de 39 parámetros, entre eles os indicadores municipais de paro e actividade correspondentes a 2022.

Para o cálculo deste indicador en concreto, utilízanse valores medios anuais a partir dun modelo que combina os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e do paro rexistrado, segundo as cifras do SEPE, o Servizo Público de Emprego Estatal. En 2022, Santiago de Compostela rexistrou unha taxa de paro dun 9,1%. A lista non inclúe ningunha outra cidade galega. Encabezándoa, en primeiro lugar está o municipio de San Cugat del Vallès, na provincia de Barcelona, cun 5,2% de desemprego.

O proxecto "Indicadores Urbanos" consiste nunha adaptación ao ámbito nacional do contido do proxecto europeo Urban Audit, cuxo obxectivo é proporcionar información sobre as condicións de vida nas principais cidades da Unión Europea e os países candidatos.

Nesta versión nacional do proxecto ofrécese información de 39 indicadores para unha selección de 126 cidades españolas, nove conurbacións (conxunto de varios núcleos urbanos inicialmente independientes e contiguos polas súas marxes que ao medrar acaban formando unha unidade funcional) e 70 áreas funcionais ao redor das principais cidades.

Compartir: