MEDIO AMBIENTE

Comeza a instalación das 30.000 luminarias que renovarán todo o alumeado público de Santiago

23/05/2023 O contrato de alumeado público adxudicouse hai un mes por 41.765.702 euros e suporá un aforro de máis do 70% no consumo enerxético co paso a luces led.

Hoxe comezouse coa substitución dos máis de 30.000 elementos lumínicos do concello que pasarán a ser leds. Concretamente, a primeira zona en renovar a iluminación pública é a rúa do Hórreo, dando cumprimento ao compromiso adoptado coa asociación de comerciantes Somos Hórreo.

A partir de aquí, durante os próximos meses, se acometerá a substitución de todos os elementos luminarios que pasarán a ser leds, así como a mellora da iluminación nas zonas rurais coa incorporación dun sistema 5G que permita coñecer en tempo real o estado de cada un dos farois e actuar de xeito inmediato no caso de incidencias. Estas melloras permitirán un aforro económico anual estimado dun millón de euros, xa que se espera que o consumo enerxético diminúa en máis dun 70%.

Ademais, tamén se contempla a ampliación da rede en preto de 2.000 novas luminarias para puntos que se acordarán coas asociacións veciñais, pensando sobre todo en zonas sen luz do rural e nos barrios.

O proxecto adxudicado á UTE Ferrovial Construcción S.A. e ENDESA X Servicios S.L., será executado no seu 95% con provedores locais e suporá a contratación dunha vintena de operarios preferentemente do termo municipal de Santiago, que tamén se ocuparán dos labores de mantemento.

Compartir: