EDUCACIÓN

'Esperando o amencer', da artista peruana Fabiola Anchorena, recibe o Premio Nacional aos Libros Mellor Editados 2022 na categoría de libros infantís e xuvenís

23/05/2023 'Esperando o amencer', obra gañadora do XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado polo Concello de Santiago e a editorial Kalandraka, denuncia a destrución dos pulmóns do planeta a causa dos grandes incendios. A poética do texto contrasta coa dureza da historia, cuxa forza comunicativa recae nas ilustracións, que destacan polo seu maxistral tratamento da cor.

O xurado do Ministerio de Cultura valorou, precisamente, que se trata dun libro "moi ben executado, coherente e esteticamente impecable, resolvendo moi ben a dificultade na reprodución cromática".

Os libros premiados nesta convocatoria do Ministerio de Cultura, serán expostos posteriormente nas feiras internacionais do libro LIBER, Fráncfort e Leipzig.

Fabiola Anchorena

Fabiola Anchorena, creceu entre Perú e Estados Unidos. Arquitecta de formación, dedícase á ilustración, principalmente coa naturaleza como protagonista e traballou en iniciativas vinculadas ao sector téxtil e ao deseño corporativo. Desde 2015 é a promotora do proxecto Different Folks Co. onde desenvolve as súas creacións elaboradas con distintas técnicas de debuxo, gravado e escultura.

'Esperando o amencer' naceu do medo, a incerteza e a angustia que sentiu a autora en 2019 cando a Amazonía ardía a causa dun dos peores incendios dos últimos anos. Un incendio que afectou principalmente a Brasil ao Perú e a Bolivia desde xaneiro ata setembro. Ese mesmo ano, outro incendio forestal estendeuse por toda Australia e converteuse nun gran desastre para a vida silvestre que afectou a tres mil millóns de animais.

XVI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O veredito do xurado da XVI edición do Premio Internacional Compostela darase a coñecer a finais do próximo mes de xuño.

O xurado está presidido polo alcalde e o concelleiro/a de Educación e contará profesionais de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración que, segundo o seu criterio técnico, seleccionarán a obra premiada.

A doración económica do premio é de 9.000 euros e Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, català, euskara e portugués— en novembro de 2023. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Compartir: