MEDIO RURAL

Comeza a campaña de roza, á que se destinan case 800.000 euros

10/05/2023 Esta semana comezou a campaña de roza que leva a cabo a concellaría de Medio Rural, que foi consensuada coa Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA). A prestación deste servizo ten por obxecto, ademais de previr incenios, mellorar as condicións de acceso aos núcleos de poboación. Os traballos empezaron en Figueiras e Villestro, para despois trasladarse a Laraño.

A continuación, segundo o programa consensuado con FERUSA, trasladaranse a A Rocha (Vidán), A Curuxeira, O Castiñeiro, O Eixo, Marrozos, Aríns, Bando, Sabugueira, Enfesta, O Carballal, Cesar, A Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, Grixoa, A Peregrina, San Xoán de Fecha, e Santa Cristina de Fecha.

O actual contrato finaliza a finais de xullo deste ano. Para que estas labores teñan continuidade, sacouse a licitación un novo contrato o pasado mes de marzo, por un importe de 790.000 o expediente de contratación do "Servizo para a execución de diversas operacións de desbroza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais do termo municipal de Santiago de Compostela.

O obxecto deste contrato, a piques de adxudicarse, ten por obxecto a execución das operacións de roce, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios (rúas, estradas, pistas, sendas peonís ou ciclistas acondicionadas para tal fin, etc.), carreiros fluviais e parcelas (dotacionais, zonas verdes non acondicionadas, edificables, etc.) de titularidade municipal ou de xestión; e aqueles que poidan ser construídos ou recibidos ao longo da duración do contrato.

Compartir: