MEDIO RURAL

O Concello apoia a creación dun Colexio Rural Agrupado para garantir o futuro das escolas rurais

01/04/2023 A EEI do Gaioso (O Eixo), a EEI Bispo Teodomiro (Marrozos) e a EEI do Rial (Laraño) son "unha oportunidade para fixar poboación no rural" explicou a concelleira de Medio Rural, Begoña Rodríguez, que visitou xunto ao edil de Educación o centro do Gaioso, na parroquia do Eixo, para apoiar a súa campaña de busca de novo alumnado. Rubén Prol recalcou que se trata de "proxectos de educación máis personalizada e enriquecedora onde a relación entre alumnado e profesorado é especial".

A concelleira de medio rural, Begoña Rodríguez e o concelleiro de educación, Rubén Prol, visitaron a EEI do Gaioso, na parroquia do Eixo para apoiar a súa campaña de busca de novo alumnado.

En Santiago existen tres escolas infantís rurais "que conservan as sinais de identidade propias", garantindo "unha idiosincrasia e cultura autóctona propia das antigas unitarias, onde nun mesmo espazo conflúe alumnado de idades diversas, onde poder aprender a través de proxectos colaborativos en contacto coa natureza e en grupos con grupos máis familiares" recalcou Prol.

Trátase de tres espazos rurais con baixa ratio de alumnado e situadas en contornas naturais privilexiadas, a EEI do Gaioso (O Eixo), a EEI Bispo Teodomiro (Marrozos) e a EEI do Rial (Laraño) apostan polo futuro e loitan por non desaparecer elaborando proxectos que permiten unha educación "máis personalizada e máis enriquecedora onde a relación de mestras e alumnado é especial, xa que nos atopamos con docentes con unha profunda vocación".

"Nós apoiamos a creación dun Colexio Rural Agrupado (CRA), que posibilitaría a supervivencia das tres escolas, tamén como elementos tractores e de fixación de poboación" explicou a concelleira de Medio Rural.

Tanto Rodríguez como Prol recalcaron os beneficios de este tipo de educación "xa que fomentan un ambiente máis familiar, con menor número de alumnado, onde as familias tecen redes de apoio na contorna, o que favorece o aumento da saúde comunitaria".

Ademais "a contorna na que se sitúan favorece a experimentación, o contacto coa natureza, a posibilidade de cultivar e elaborar alimentos e un extenso espazo para a práctica do deporte e o movemento" explicou Begoña Rodríguez, engadindo en que estes "son factores que conlevan o respecto e conservación do medio ambiente, o fomento de hábitos de vida saudables e o traballo en equipo, todas aprendizaxes de alto valor para formar á cidadanía do futuro".

Compartir: