CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC Maruxa e Coralia continúa co seu programa de roteiros para redescubrir a cidade histórica

29/03/2023 A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, acompañada de Guadalupe Rodríguez, técnica da Rede de CSC, presentou esta mañá a programación de roteiros pola cidade histórica que terán lugar nos meses de abril, maio e xuño. Entre as propostas, abertas á toda a cidadanía, ofertanse visitas a prazas emblemáticas, a diferentes museos ou aos pazo e fontes da cidade, así como roteiros temáticos con motivo do Día das Letras Galegas, a noite de San Xoán ou o 30 aniversario da Casa de Troya.

A concelleira de CSC explicou que con esta actividades se pretende "achegar á veciñanza a riqueza histórica, patrimonial e cultural da cidade histórica", xa que ás veces "precisamente por telo tan preto non o coñecemos". Rosón destacou que os dous primeiros percorridos que xa tiveron lugar no mes de marzo, "coa memoria histórica como eixe", contaron "cunha alta participación". "Foron propostas mais alá do patrimonial co fin de achegar á cidadanía a outras realidades menos coñecidas", como a pegada das mulleres escritoras en Santiago, con motivo do Día Internacional da Muller , ou o percorrido sobre as persoas fusiladas na nosa cidade, engadiu.

A edila convidou a todos os veciños e veciñas a inscribirse nestas andainas e recordou tamén o amplo programa de actividades para todas as idade que ofrece o CSC de Maruxa e Coralia, "un lugar de encontro e de convivencia interxeracional".

Programa de roteiros

O vindeiro venres 14 de abril, dará comezo o ciclo de roteiros do mes de abril, cunha visitas que percorrerá varias prazas emblemáticas e rematará no Museo Catedralicio. Os venres 21 e 28 de marzo será a ocasión para coñecer de preto os tellados da Catedral e o patrimonio histórico artístico da Igrexa Museo de San Paio de Antealtares.

O programa para o mes de maio vén asociado a dúas celebración de dúas datas especiais: a do Día das Letras Galegas, adicado este ano ao escritor e editor galeguista, Francisco Fernández del Riego, que inclúe unha excursión a Vigo o venres 12 de maio para visitar a exposición dedicada o homenaxeado; e o Día Internacional dos Museos, con roteiros por distintos museos da cidade como o do Pobo Galego, Peregrinacións, Eugenio Granell ou o CGAC, que se desenvolverán os venres, 5, 12, 19 e 26 de maio.

Para o mes de xuño, o CSC Maruxa e Coralia ofrece unha andaina guiada por Eduardo Beiras que permitirá coñecer máis sobre as fontes e os pazos monumentais da cidade histórica, o sábado 3 de xuño e un roteiro pola contorna da vila na procura das herbas de San Xoán, o 23 de xuño. Con motivo do 30 aniversario da Casa de Troya, tamén se levarán a cabo visitas guiadas á casa, exposicións, música e outros actos específicos para a cidadanía.

As persoas interesadas nos roteiros, deberán inscribirse a través do teléfono 981542456 ou de forma presencial no propio centro, na praza de Salvador Parga. As prazas serán asignadas por orde de solicitude.

Organizados polo Centro Sociocultural de Maruxa e Coralia no marco da programación do primeiro trimestre de 2023, esta iniciativa pretende achegar o patrimonio da cidade histórica á veciñanza compostelá e promover a participación activa de persoas de todas as idades.

Compartir: