CONSORCIO

O Consorcio de Santiago aproba a licitación da substitución da cuberta do Pazo de Congresos

28/03/2023 Tamén se avanzou nas liñas dunha futura orde de subvencións para a elaboración de proxectos de rehabilitación e plans de mantemento dos edificios monumentais de maior catalogación.

O Consorcio de Santiago reuniu o seu Consello de Administración e Comisión Executiva na mañá deste martes para aprobar, entre outros asuntos, o expediente de contratación da intervención na cuberta do Pazo de Congresos compostelán.

A licitación da reparación sairá publicada ao longo desta semana na Plataforma de Contratos do Sector Público por un importe de 1.912.700 euros. A partir dese momento poderán participar coas súas propostas todas aquelas empresas interesadas.

Esta xuntanza, presidida polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, contou coa asistencia de Pilar Paneque Sosa, subsecretaria do Ministerio de Facenda e Función Pública; Jesús Manuel Gómez García, subsecretario do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Ángel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia. Tamén participaron os voceiros dos grupos municipais: José Antonio Constenla (PP), María Rozas (Compostela Aberta) e Goretti Sanmartín (BNG).

Proxectos de rehabilitación

Ademais, nesta reunión o Consorcio tratou as posibilidades dunha futura orde de subvencións en concorrencia competitiva que terán a finalidade de elaborar, por parte da Oficina Técnica do Consorcio, proxectos de rehabilitación e plans de mantemento dos edificios monumentais da cidade que gocen da maior catalogación.

Con estas axudas, buscarase que os propietarios destes inmobles poidan participar con ditos proxectos en distintas convocatorias de axudas para obter financiamento para as intervencións ou ben acometelas con fondos propios. Aprobaríase con elas a dotación dunha partida de 100.000 euros para contratacións suplementarias ao labor da Oficina Técnica que puidesen ser precisas para completar estos traballos.

Especialización Orquestral

No transcurso da xuntanza tamén foron aprobadas as bases da décimo segunda edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral que ofrecerá a Escola de Altos Estudos Musicais entre outubro de 2023 e xuño de 2024.

Nel poderán participar os músicos titulados que, posuíndo a capacitación e formación mínima requirida, poidan completar a súa formación como músicos de orquestra. As inscricións ao curso abriranse nos vindeiros días e os interesados terán de prazo ata o 9 de xuño para presentar a súa candidatura. Posteriormente realizaranse as probas de selección ao curso.

Compartir: