ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o libro "Os alcaldes e as corporacións da II República en Santiago de Compostela", editado polo Concello

25/03/2023 Este mediodía presentouse, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia da Cidade Histórico, o libro "Os alcaldes e as corporacións da II República en Santiago de Compostela". A publicación recolle, en máis de cen páxinas, as biografías de Raimundo López Pol, Francisco Vázquez Enríquez, Ánxel Casal Gosenge, e José Germán Fernández; asi como o funcionamento da vida municipal e o contexto social, económico e político no que desenvolveron as súas funcións. Está escrito polos historiadores Antonio Míguez Macho, Rafael García Ferreira e Concepción López Sánchez.

O acto pechouno o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen cualificou os anos da II República como "unha época extraordinariamente rica na cidade". Reflexionou sobre o papel de Compostela na historia: "Santiago aparece como un lugar onde pasan cousas, pero no é protagonista das cousas que pasan". Por iso, continuou, "é importante pór en valor a cidade, a cidadanía e as persoas que xogaron un papel protagonista". "Estes alcaldes e os que formaron parte das Corporacións Municipais", engadiu, "permitíronnos ser como somos e chegar a onde chegamos". Por iso, finalizou, "é importante recoñecer a aquelas persoas ocultadas pola historia e reflexionar sobre os valores que representan", entre os que citou a pluralidade e o respecto.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, sinalou, na súa inervención, que "un dos obxectivos deste Goberno Municipal foi a recuperación da nosa memoria histórica. A recuperación daqueles nomes relevantes que loitaron pola democracia, a xustiza, a igualdade e a liberdade. Uns pagaron coa vida. Outros co desterro. E todos e todas, co silencio, imposto mediante o terror. Custou moitos anos rachar ese silencio e incorporar á nosa historia democrática eses nomes. Pero pouco a pouco, ímolo conseguindo". Este libro, continuou, é un exemplo, xa que "visibiliza e difunde o legado" destes catro rexedores, cuxos retratos están xa no Pazo de Raxoi.

Raimundo López Pol, un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia foi rexedor compostelán entre 1931 e 1934. Sucedeuno Francisco Javier Vázquez Enríquez, alcalde entre o 17 de novembro de 1934 e o 23 de febreiro de 1936. A continuación ocupou a alcaldía Ánxel Casal. E o último, José Germán Fernández, alcalde accidental cando triunfou o golpe de estado, o 18 de xullo de 1936. Nese momento substituía a Ánxel Casal que estaba en Madrid para a entrega do Estatuto de Autonomía. Foi fusilado no cemiterio de Boisaca o 3 de decembro de 1936.

Para Míguez Macho, este libro, ademas de ser un exercicio de recuperación da memoria histórica, ten un gran "valor didáctico". Na súa intervención recomendou que se use con "fines educativos. Que o recoñecemento da historia e da memoria da cidade, non quede só neste libro", engadiu.

Do libro, editado polo Concello de Santiago, imprimíronse 700 exemplares, que se repartirán na Zona C e en Turismo de Santiago. Pertence á colección "Saber e descubrir", na que xa se publicaron ouras dúas obras "O panteón Real" e "Isaac Díaz Pardo, memoria do compromiso".

Biografías
Antonio Míguez Macho (Santiago de Compostela, 1979) é Doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela (2006), coa tese "La construcción de la ciudadanía a través de los movimientos sociales. El movimiento obrero en Galicia (1890-1936)". Premio Extraordinario Fin de Carreira no 2001 e Premio Extraordinario de Doutorado. Investigador contratado polo "Programa Ángeles Alvariño" no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC (2008), ten realizado estadías de investigación en varios centros internacionais, como o Cañada Blanch Centre for Contemporary Spanish Studies (The London School of Economics and Political Science, Londres). Entre 2015-2021 foi Investigador contratado polo programa RyC. Na actualidade é Contratado Doutor e Vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia da USC

As súas liñas de investigación son: historia dos movementos sociais e os procesos de construcción da cidadanía. Actualmente pretende proseguir as súas investigacións sobre a formación da clase obreira e a loita pola adquisición de dereitos-deberes de cidadania, ampliando a súa perspectiva temporal e espacial. En particular, está interesado en analizar en qué sentido os réximes de signo totalitario como o franquismo, puideron influír na configuración dos valores e actitudes cidadás do pasado e presente expresados na sociedade civil e os seus actores colectivos.

Rafael García Ferreira (1990, Santiago de Compostela). Graduado en Historia (2013, USC), mestrado en Historia Contemporánea (2015, USC) e doutor en historia contemporánea coa tese Violencia, persecucións e relato na conformación do poder golpista en Santiago de Compostela, 1936. Cursou estudos de doutoramento na área de contemporánea do departamento de Historia da USC, onde desenvolveu a súa tese ao redor da conformación do réxime franquista na cidade de Santiago de Compostela. Foi investigador contratado no proxecto "Procesos de construcción y destrucción de la ciudadanía. Práctica genocida, memoria y justicia transicional en perspectiva comparada", ademais de participar noutros proxectos e convenios de investigación.

Compaxina a súa actividade académica con diferentes actividades de divulgación arredor das súas áreas de estudo: guerra civil, franquismo, contextos de violencia, historia local, etc. Ademais de ter publicado diferentes textos de carácter científico e ter realizado contribucións a congresos internacionais na súa área de estudo, tamén participa na realización de investigacións no marco de convenios de colaboración con diferentes institucións.

Concepción López Sánchez (1989, Santiago de Compostela) é doutora en Historia (2021, USC) coa tese "O golpe de Estado, as persecucións e a retagarda na guerra civil española: as actitudes sociais en Galicia (1936-1939)". Amais ten mestrados en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas(2013, USC) e Historia Contemporánea (2015, USC). Foi técnica de apoio á investigación en relación a varios proxectos de investigación sobre a violencia franquista en Galicia no Departamento de Historia da USC. As súas liñas de investigación céntranse no Golpe de 1936, a guerra civil e o franquismo.
Biografías, fonte: USC

Compartir: