MEDIO RURAL

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de Regulamento do Consello de Medio Rural

23/03/2023 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria deu luz verdo ao proxecto de Regulamento do Consello do Medio Rural; que agora será elevado ao Pleno para a súa aprobación inicial, previo ditame da comisión informativa correspondente. Este documento, será o que regule o Consello de Medio Rural, definindo as súas funcións e dotándoo de estrutura e regras de funcionamento, que fagan posible a participación efectiva da veciñanza do rural nos asuntos municipais que lle afecten.

A concelleira de Medio Rural, Begoña Rodríguez, cualifica a este Consello como "un instrumento de gran importancia para darlle voz ó noso rural", xa que "é o órgano para o control, supervisión e seguimento do Pacto polo Rural. Un Pacto polo rural, froito dunha antiga e repetida demanda veciñal; e dun esforzo colectivo e prolongado no tempo, que desde o pasado fin de semana é unha realidade".

O Regulamento aprobado en Xunta de Goberno foi consensuado con FERUSA, a Federación de Asociacións do Rural de Santiago. É, continuou Begoña Rodríguez, "esa ferramenta que marca a estrutura e establece o funcionamento do Consello do Medio Rural, así como o procedemento de elección dos seus representantes.

Segundo o artigo 3 do Regulamento do Consello do Medio Rural canalizar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, e a elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

O Consello Municipal do Medio Rural estará integrado por unha presidencia, que ostentará o alcalde ou alcaldesa; unha vicepresidencia integrada por dous vicepresidentes/as, un deles a persoa titular da concellaría competente para asuntos de Medio Rural, e o outro designado polo Consello a proposta da presidencia; e os vogais: seis persoas que representen ás asociacións veciñais do ámbito rural do concello e un representante de cada un dos grupos políticos que integren a Corporación Municipal.

As sesións ordinarias terán unha periodicidade semestral. Así mesmo, o Consello celebrará sesións extraordinarias cando o decida a presidencia, por propia iniciativa ou por solicitude dun terzo dos compoñentes. A duración do mandato dos membros do Consello será de catro anos.

Compartir: