DEPORTES

Case 500 inscritos na carreira e na andaina solidaria "Unha tarde con Samuel" que terá lugar este sábado no Monte do Gozo

23/03/2023 O vindeiro sábado 25 de marzo terá lugar a terceira edición da "Cross e a Andaina Solidaria para a investigación Duchenne- Becker. Unha tarde con Samuel" no Parque do Monte do Gozo. Hoxe presentárona a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; Juanma Mata Torreira, pai de Samuel, e José Antonio Juanatey, presidente do club Atletismo Fontes do Sar

O Concello de Santiago colabora nesta iniciativa solidaria, na que se inscribiron máis de 470 persoas. A cita deportiva deste sábado constará de dúas modalidades: carreira, de 5 quilómetros, con saída ás 18:30 h; e andaina, de 2,5 quilómetros, con saída ás 17:30 h. Para a cativada, tamén se organizou, de xeito paralelo ás dos maiores, carreiras de diferentes distancias.

A distrofia muscular de Duchenne e Becher, a enfermidade que sofre Samuel; e unha doenza rara, dexenerativa e polo de agora sen cura. Os músculos daquelas persoas afectadas debilítanse pouco a pouco ata perder a súa funcionalidade. Segundo sinalou Esther Pedrosa, "para o Concello de Santiago é unha honra colaborar nun evento deportivo que ten como principal obxectivo a solidariedade". "Queremos aportar o noso gran de area para relanzar esa investigación que permita atopar unha cura. Actualmente existen tratamentos que alivian os síntomas e melloran a calidade de vida, pero non son suficientes", engadiu.

Con estas probas tamén se pretende visibilizar a doenza de Duchenne e Becher "e "lograr que existan máis ensaios clínicos para parar este enfermidade", en palabras de Juanma Mata. Máis alá do ámbito deportivo, a intención da organización, segundo explicou Juanatey, é que a carreira e a andaina sexan unha tarde de festa para as familias. Esther Pedrosa recordou que todas aquelas persoas que os desexen, poderán colaborar coa causa a través de donativos do Dorsal 0.

Todos os detalles, o regulamento, e os donativos do "dorsal 0", están dispoñibles na web carreirasgalegas.com. Todo o recaudado destinarase integramente á investigación desta enfermidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: