OBRAS

O Concello presentará á veciñanza o vindeiro luns a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

22/03/2023 O concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, confían en poder "sacar adiante" a nova proposta para acometer a segunda fase entre Castrón Douro e Sar por un importe estimado de 858.303,81 euros (IVE incluído). Con esta obra dáselle continuidade á renovación acometida na Fase I da intervención, que supuxo a mellora do firme e canalizacións de Castrón Douro e Patio de Madres.

O edil de Obras explicou que este novo proxecto "foi presentado no día onte polo Departamento de Obras na Comisión Asesora, na que non se acadou ningún acordo" e que o vindeiro luns "será presentado polo miúdo aos veciños" aos que xa se informou inicialmente no pasado mes de outubro. Tanto Gonzalo Muíños como Mercedes Rosón amosaron a súa confianza en que este proxecto saia adiante xa que "é un proxecto máis que digno", no que "sairán beneficiados as vivendas, a veciñanza e o entorno en xeral".

A concelleira de Urbanismo tamén reiterou que "se trata dunha obra urxente e necesaria coa que estamos comprometidos e sobre a que a veciñanza poderá dar a súa opinión o vindeiro luns".

Coa nova proposta, manterase o nivel da rasante o que implica a incorporación de patíns para o acceso a algunhas vivendas da rúa; ampliarase o ancho das beirarrúas ata acadar os 1,80 metros e dos carrís ata os 3 metros, e tamén se reducirá a altura dos petos das vivendas con patios. O concelleiro salientou que con nova proposta "reducirase a sensación de encaixonamento actual dalgunhas das vivendas", ao mesmo tempo que "se garante a accesibilidade en todas os edificios".

Ademais, tamén se resolverán problemas relacionados co saneamento de fecais e pluviais e se renovará a instalación eléctrica, os elementos de alumeado público e as canalizacións de abastecemento de auga e gas. Tamén se executará unha canalización ao longo da rúa que permita o soterramento da rede de electricidade e se dotará a zona de colectores soterrados para a reciclaxe de residuos.

Para as pavimentacións empregaranse os mesmos materiais da actuación realizada no tramo superior de Castrón Douro e Patio de Madres e no tramo inferior de Sar. Así, entre o cruce con Curros Enríquez e Olvido, a solución será formigón gris claro paras as beirarrúas, formigón negro semipulido na calzada , que "soporta un tráfico diario e pesado, como autobuses", e pedra nos patios de acceso a edificacións.

Ademais, na zona de encontro entre a actuación de Calzada de Sar e a sección anterior, na fronte da pequena praza que se forma ao inicio de Sar, contémplase unha plataforma única en pedra e formigón a modo de praza de preferencia peonil, ampliando así a pequena praza preexistente, aínda que mantendo o paso de vehículos.

Orzamento

O novo proxecto contará cun investimento de 625.268,90 euros, o que supón un custe de 265,42 €/m2. No caso de manterse o proxecto inicial de 2014, a inversión acadaría preto do millón de euros, debido ao incremento xeral dos custes e ao importe do retranqueo de rede de fibra telefónica que ascendería a 150.000 euros, o que elevaría o prezo no metro cadrado a 409,26 euros.

Neste sentido, Gonzalo Muíños engadiu "que ademais do prezo, tamén é importante o prazo de execución", e explicou que para a novo proxecto "xa se dispón da partida orzamentaria polo que non hai que facer nin un novo proxecto nin depender de terceiros, polo que se podería acometer á maior brevidade". No caso de non saír adiante, "habería que acometer unha actuación de carácter urxente por valor de 150.000 euros mínimo para fresar e pavimentar e garantir así a seguridade da circulación", detallou.

Compartir: