MEDIO AMBIENTE

Continúan as reunións entre o Concello e as asociacións de hostalería para facer seguimento do servizo de recollida de residuos na cidade histórica

22/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; e técnicos municipais e de Urbaser mantiveron esta mañá unha nova xuntanza coas asociacións de hostalería para tratar o sistema de recollida de residuos ‘porta a porta’, a primeira logo dos axustes introducidos hai cinco días.

"Foi unha reunión moi positiva e en tono colaborador", indicou Mila Castro que agradeceu aos hosteleiros a súa disposición e o esforzo que están facendo por reciclar, "ao igual que o veciñanza". Explicou a concelleira que nesta xuntanza se fixo un primeiro testeo despois de 5 días co novo horario. "O horario de recollida de envases, que se fai ás 9 da mañá, está funcionando, de feito hai un incremento desde o primeiro día: de 3 metros cúbicos pasouse a 9 en cinco días".

Os hostaleiros manifestaron tamén a súa satisfacción polo funcionamento do servizo e por manter estas xuntanzas para poder analizar e axustar as posibles indicidencias. Quedaron todos emprazados para dentro de 15 días, no que será "unha mesa de traballo conxunta na que seguir tratando estas cuestións", indicou a edila que tomou nota da petición dos hostaleiros de axustar o máximo que se poida os horarios de recollida para que se faga nos mesmos sitios á mesma hora.

Tanto Sergio Fernández, de hostaleria.gal, como Thor Rodríguez, da Asociación Hostalería Compostela, valoraron moi positivamente o encontro. "Vai avanzando paulatinamente un servizo que é complexo. Xa dixemos que non era un sprint, senón unha maratón e que había que ir adaptándose. Vemos unha gran disposición dos hostaleiros de cara á reciclaxe", indicou Fernández. Pola súa banda, Thor Rodríguez amosou a súa satisfacción por manter esta mesa de diálogo no tempo "porque poden xurdir algunhas problemáticas que aínda non coñecemos" ao estar en temporada baixa. "Cremos que en Semana Santa detectaremos si existen problemas ou non coa recollida de lixo e isto será un reflexo máis fiel do que pode pasar no verán", salientou. De momento, "non tivemos grandes queixas nin grandes problemas".

Compartir: