ACCIÓN CULTURAL

De Lugares e Órganos volve en Semana Santa con concertos e actividades arredor dos órganos de Compostela

22/03/2023 O ciclo, organizado pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago terá lugar, na súa oitava edición, entre o 31 de marzo e o 8 de abril. Concertos, espazos de conversa, un itinerario musical e unha proxección con música ao vivo na sala NUMAX conforman a programación desta edición

Un ano máis Compostela renova o seu compromiso cos órganos e a memoria musical da cidade e bota a andar unha nova edición do xa consolidado proxecto De Lugares e Órganos. O ciclo desenvolverase esta Semana Santa entre os días 31 de marzo e 8 de abril, en diferentes espazos da cidade, para valorizar e visibilizar os extraordinarios órganos históricos que poboan a paisaxe urbana e o patrimonio musical a eles vencellado. O ciclo foi presentado esta maña, en rolda de prensa, no Pazo de Raxoi, pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e a directora artística do programa, Belén Bermejo.

Mercedes Rosón reiterou a aposta do Concello de Santiago por "achegar a cultura a toda a cidadanía" e lembrou que "todos os concertos son de balde, a excepción da proxección de Shoes, que ten un custe de 4 euros". "Cremos que a cultura forma parte do patrimonio inmaterial da nosa cidade, é que todos debemos desfrutar dela e con ela", engadiu. A edila tamén salientou a importancia deste ciclo xa que o órgano "é o gran referente harmónico que existe no noso patrimonio" xa que "forma parte, máis que ningún outro, da historia sonora de Compostela".

Pola súa banda, Belén Bermejo explicou que o propósito da programación é "achegar públicos amplos a este descoñecido e ao tempo fascinante instrumento, do que Compostela posúe magníficos elementos exemplarmente restaurados, así como ás súas músicas, aos oficios con el relacionados e ás súas intérpretes".

Outro dos obxectivos fundamentais da programación segue a ser "o fomento do potencial creativo das organistas e formacións que traballan no noso país, así como a valorización das calidades e posibilidades sonoras órganos históricos", polo que o ciclo aposta novamente por "aquelas propostas que traspasan épocas e estilos, na busca de subtís combinacións e arranxos instrumentais", engadiu a directora do ciclo.

Programación

O primeiro dos concertos terá lugar o día 31 de marzo en San Paio de Antealtares, da man do coruñés afincado en Ámsterdam, Enrique López-Cortón, cantante, director de grupos vocais e organista, que dirixirá a Capella Sancta Maria, para interpretar un programa de músicas procedentes de mosteiros femininos ou compostas e arranxadas para seren cantadas polas freiras.

O día 2 terá lugar o segundo dos concertos, da man do grupo La Tasteggiata, unha formación integrada por Tobie Miller, Marco Ambrosini e Eva-Maria Rusche, que interpretará un programa de música barroca, Notas roubadas, cunha combinación instrumental pouco usual de zanfona, nyckelharpa, órgano portativo e espineta. O concerto terá lugar na igrexa do Pazo de San Lourenzo, un espazo no que existe un valioso órgano aínda sen restaurar. O concerto irá precedido dun espazo de peparación para a escoita e conversa cos intérpretes, no que se falará dos instrumentos que serán interpretados, así como dos contidos do programa de concerto.

O día 3 será a quenda do órgano de Santa Clara, no que a organista Eva-María Rusche interpretará un programa integrado por pezas compostas arredor do himno do Page Lingua, xunto a sonatas da chiesa de coñecidos autores.

Pechará o ciclo o día 8, na Igrexa da Universidade, Alejandra Escolante, unha das máis prezadas organistas do panorama musical galego, que actuará xunto cos membros do Quinteto InVento, para interpretar un variado programa de pezas no que se contrastan e alternan as múltiples sonoridades do órgano de tubos co son brillante do quinteto de vento.

Ademais da programación de concertos, De Lugares e Órganos ofrece, coma todos os anos, outras actividades e formatos de concerto, que pretenden amosar outras caras dos órganos e expandir a programación ao longo da cidade.

Así, volven as Matinés 20’ un ameno e fresco formato de 20 minutos de música que, na mañá do xoves 6, nos achegará ao órgano da Igrexa da Universidade da man da compostelá Marta López, profesora de clave do Conservatorio de Pontevedra, que interpretará un repertorio da súa escolla, coa que poderemos conversar sobre o seu oficio, experiencia e práctica como organista.

O día 5 teremos oportunidade de participar nun roteiro pola cidade, arredor da figura do organeiro Mariano Tafall, no que se percorrerán diferentes fitos relacionados coa biografía, a actividade profesional desenvolvida en Compostela, e a obra desta relevante figura da organaría europea.

A programación complétase, na súa sección O órgano sae á rúa, coa proxección, na sala NUMAX, da película de cinema mudo Shoes, da directora Lois Weber, que será acompañada de música ao vivo interpretada polo guitarrista Rafa Fernández e Alex Salgueiro, ao órgano Hammond.

Durante todo o período de programación terá lugar, coma todos os anos, unha exposición fotográfica arredor dos órganos de Compostela, en establecementos comerciais da cidade, desta volta, en colaboración, ademais, co proxecto Em-rede, Rede de iniciativas empresariais de Santiago e Comarca.

As entradas para actividades e concertos son de balde, mais cómpre retirar invitación no despacho de billetes da Zona C. a partir de hoxe día 22. De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde esta se celebre desde unha hora antes do seu comezo.

As entradas para a proxección na NUMAX poderán recollerse no despacho de billetes do cine ou na web numax.org e teñen un prezo de 4 €

Direccións relacionadas



Compartir: