MOBILIDADE

O Concello de Santiago celebra mañá o "I Foro de Mobilidade" dentro do proceso participativo para a revisión do PMUS

15/03/2023 O I Foro da Mobilidade, que terá lugar mañá ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Santa Marta, está aberto á participación de toda a veciñanza e axentes implicados que queiran achegar suxestións, propostas ou inquedanzas en materia de mobilidade.

O Concello de Santiago abre o proceso de consulta pública para a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) cun primeiro encontro participativo que terá lugar mañá e no que se presentará a metodoloxía do proceso, o seu enfoque integrador, os obxectivos e liñas estratéxicas xerais así como as distintas canles e medios de participación pública dispoñibles ao longo de todo o proceso.

O obxectivo desta e de futuras iniciativas é que a veciñanza en xeral e os axentes cunha implicación directa en materia de mobilidade conten con diferentes vías de participación para dar a coñecer as súas inquedanzas, suxestións, identificación de problemáticas, propostas de actuación... de cara a telas en conta no proceso de elaboración do Plan, para que este sexa un plan de e para todos/as adaptado ás necesidades reais da cidadanía de Santiago.

Este I Foro da Mobilidade terá lugar mañá ás 18:00 horas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. Nesta xornada, ademais de ser expostas as claves principais deste traballo, contarase con tempo para comezar o debate e realizar unha primeira aproximación ás necesidades e desexos en materia de mobilidade para o municipio e a súa área metropolitana.

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seguinte enlace.

Se tes algunha dúbida ou consulta poderás resolvela a través do correo electrónico ou por vía telefónica no número 604.025.160.

PMUS

O PMUS de Santiago é un Plan Estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de mobilidade de toda a cidadanía na procura dunha mellor calidade de vida.

Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, aliñado cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Santiago de Compostela.

Compartir: