PROMOCIÓN ECONÓMICA

Continúa o ciclo de Encontros Emprendedores abordando o modelo de cidade

15/03/2023 O vindeiro 21 de marzo terá lugar o segundo encontro emprendedor "Pensando e planificando Compostela mediante a participación cidadá", que centrará o debate sobre o modelo de cidade do futuro. O obxectivo é analizar algunhas das cuestións identificadas no proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 sobre a definición actual do modelo de cidade, como a distribución da poboación no territorio, os equipamentos e servizos disponibles, e os espazos de oportunidade para a transformación urbana na cidade.

Neste encontro emprendedor debatiranse os retos que aborda Compostela cara ao futuro, poñendo o foco na participación cidadá na definición do modelo de cidade. Nesta ocasión, participarán no encontro Mercedes Vázquez Bartomeu, historiadora e veciña do barrio de San Pedro, e Luciano González Alfaya, arquitecto e planificador de estratexias territoriais para a transformación urbana sostible. As persoas asistentes ao encontro poderán compartir reflexións e ideas que enmarquen os elementos tractores do modelo de cidade.

Ao longo do 2023, o Concello de Santiago celebrará un ciclo de 10 Encontros Emprendedores que den continuidade á construcción do Santiago do futuro. A celebración destes Encontros ten un dobre obxectivo: por unha banda, dar a coñecer o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030; por outra, establecer un espazo de encontro, diálogo e debate entre experiencias inspiradoras que están a desenvolver a súa actividade atendendo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Este segundo encontro emprendedor terá lugar o martes 21 de marzo, entre as 10.00 e as 12.00 no Mercado Galego da Creatividade (Creativas Galegas). Podes inscribirte no encontro a través deste formulario.

Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores continuarán nos vindeiros meses coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza

Compartir: