SEGURIDADE CIDADÁ

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago celebra o seu 27 aniversario

13/03/2023 O Pazo de Raxoi acolleu esta tarde un acto de homenaxe ao que asistiu unha representación dos 80 membros en activo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, coincidindo cos seus 27 anos de historia. A recepción contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen os felicitou, destacou o seu labor e lle agradeceu os servizos prestados en todos estes anos.

Na homenaxe, á que asistiron unha vintena de membros da agrupación, tamén estaban presentes a responsable da AVPC, Begoña del Río, e distintos membros da Corporación Municipal: os concelleiros Mercedes Rosón, Mila Castro, Gonzalo Muíños e Marta Abal; e os os edís da oposición Ramón Quiroga, Jorge Duarte e Goretti Sanmartín.

Con este acto conmemórase o 27 aniversario desta Agrupación, que naceu o 13 de marzo de 1996. As orixes remóntanse ao pavillón de madeira ubicado na rúa da Trinidade. Entre os precursores desta Agrupación de Voluntarios de Protección Civil: os concelleiros Xosé Sánchez Bugallo -hoxe alcalde da cidade- e Alejandro Sánchez-Brunete, actual membro da Corporación e que foi concelleiro delegado de Protección Civil. Tamén ao xefe de Bombeiros naquel momento, Cesáreo Rey, e José Manuel Traba Gesto, sarxento da Policía Local en 1996, e xefe do corpo posteriormente.

Desde aquel 1996, con Manolo Martínez Ruiz á fronte, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil comezou a facerse útil en momentos clave da historia da cidade, como a andaina solidaria reclamando a liberdade para José Antonio Ortega Lara e Cosme Delclaux en febreiro de 1997, ou a madrugada do 22 de maio dese mesmo ano, cando a terra tremeu na cidade e os voluntarios estiveron toda a noite comprobando pontes e grandes estruturas, en prevención de danos ou derrubamentos. En 1999 a Agrupación enfrontouse ao seu primeiro Ano Santo: milleiros de peregrinos, andainas, baixadas de cabalos, etc.

En novembro do 2002, con motivo do Prestige, o voluntariado da AVPC prestou a súa axuda en Camariñas, e dous anos máis tarde, un Boeing 747 con 487 persoas a bordo que facía a ruta Surinam-Holanda tivo que facer unha aterraxe de emerxencia en Lavacolla por conato de incendio na bodega. Protección Civil encargouse de aloxar á pasaxe, entre a que había setenta nenos, que levaban dez horas voando. Despois chegaría o 2010, de novo Ano Santo, nesta ocasión con visita do Papa Benedicto XVI incluída.

Outro punto de inflexión foi o terrible accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013. Os voluntarios prestaron asistencia no dispositivo de Angrois, onde estiveron axudando a policías, bombeiros e sanitarios a evacuar os feridos. Tamén axudaron no CERSIA para reconfortar e trasladar os familiares das vítimas; no multiúsos de Sar, onde se depositaron os cadáveres e a onde os familiares ían recoñecer os seus seres queridos; e no Instituto Rosalía de Castro, onde se levaron os enseres que se puideron recuperar.

Durante a pandemia, en estreita colaboración co Departamento de Servicios Sociais, puxéronse mans á obra dedicándose ao reparto de alimentos, material escolar e medicamentos a persoas confinadas, recollida de lixo a persoas en corentena sen apoio familiar, traballo con persoas sen fogar, ou atención as 24 horas a todo aquel que o precisara. Nestes últimos anos os voluntarios e voluntarias tamén tiveron un papel activo na recollida, clasificación e envío de material aos afectados polo volcán de Palma e pola guerra de Ucraína.

Compartir: