OBRAS

Preto dun millón de euros se investirán na segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

11/03/2023 O parque interxeracional en Sar, sito na rúa Cruceiro de Sar xa está licitada e creará unha zona de ocio para diferentes idades de máis de mil metros cadrados.

Co obxectivo de darlle continuidade á renovación acometida na Fase I da intervención, que supuxo a mellora do firme e canalizacións de Castrón Douro e Patio de Madres, o departamento de Obras confía en poder completar o case millón de euros necesario para acometer a segunda fase entre Castrón Douro e Sar cos remanentes. "O proxecto conta cunha partida específica nos orzamentos deste ano, e a completaremos unha vez se presente a liquidación do pasado para poder acometer a obra de xeito inminente" explica o concelleiro responsable, Gonzalo Muíños.

Co obxectivo de "equilibrar os espazos destinados ao tránsito peonil e o tráfico rodado, e suprimir barreiras arquitectónicas, mellorando a accesibilidade", levarase a cabo a reurbanización completa da rúa, repoñendo elementos defectuosos (pavimentos, redes...) e executando as canalizacións necesarias para permitir o acceso soterrado da maioría de servizos.

O trazado xeral e pendentes mantéñense sensiblemente "se ben se procura obter a maior accesibilidade posible ás edificacións con pequenas rectificacións incorporando ramplas de acceso aos patios actuais". Así, queda descartada unha rebaixa da rasante que incorporaba o proxecto anterior, por ser "inviable" e óptase por unha solución moi similar porque "se ben se rebaixaba a rasante permitindo o acceso directo dende a rúa a algunhas edificacións, requiría noutras de ramplas para acceder aos zócalos que xurdían nos portais" explica Muíños.

As pavimentacións realizaranse nos mesmos materiais da actuación realizada no tramo superior de Castrón Douro e Patio de Madres e no tramo inferior de Sar. Así, entre o cruce con Curros Enríquez e Olvido, a solución será formigón gris claro paras as beirarrúas, formigón negro semipulido na calzada e pedra nos patios de acceso a edificacións.

Ademais, na zona de encontro entre a actuación de Calzada de Sar e a sección anterior, no fronte da pequena praza que se forma ao inicio de Sar, contémplase unha plataforma única en pedra e formigón a modo de praza de preferencia peonil, ampliando así a pequena praza preexistente, aínda que mantendo o paso de vehículos.

As beirarrúas principais amplíanse ata acadar o largo mínimo dun itinerario peonil accesible de 1,80 metros e os carrís serán dun largo de 3 metros. Tamén se executará unha canalización ao longo da rúa que permita o soterramento da rede de electricidade e se dotará a zona de colectores soterrados para o reciclaxe de residuos.

Zona de ocio interxeracional

Tamén en Sar avanza o proxecto para a creación dun parque interxeracional na rúa Cruceiro de Sar. O obxectivo, segundo explica a concelleira de Parques e Xardíns, é crear unha zona de xogos e outra de estar con arboreda; que se integra á súa vez nunha contorna natural onde predominan as hortas detrás das edificacións e destaca a presenza, no seu lado Noreste, do bosque de Galicia. "Un espazo deseñado coa finalidade de que as persoas das xeracións máis novas e as de máis idade compartan coñecementos e experiencias en aras dun beneficio mutuo" recalca Castro.

O proxecto xa está licitado por 128.267,49 euros e contará cun espazo onde se integren actividades para as diferentes idades, unha zona de estancia onde se poderán desenvolver xogos de mesa e outra de arboreda para realizar xogos tradicionais.

Máis espazo para os peóns

O alcalde pola súa banda recalcou que se trata de varios proxecto que "o que poñen de manifesto é un proxecto de cidade no que se aposta por recuperar terreo para os peóns, apostando polo transporte brando". "Xa se fixo no Ensanche, coa reurbanización da rúa do Hórreo, a zona situada fronte a Intermodal e que terá continuidade despois coa praza da terminal de viaxeiros" recalca Sánchez Bugallo que apunta ademais que as obras na estación avanzan a bo ritmo e co obxectivo de cumprir os prazos comprometidos.

Tamén noutros puntos onde convive o tráfico rodado co tráfico peonil "optouse por priorizar" o segundo, como no cruce de Xeral Pardiñas e Montero Ríos" onde se reformulou o firme. Avanza o alcalde ademais que unha actuación semellante se levará a cabo tamén no cruce con República del Salvador.

Compartir: