CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Xunta de Goberno local ten previsto adxudicar este luns as obras de mellora da instalación de climatización do Centro Sociocultural de Santa Marta

11/03/2023 A Xunta de Goberno Local ten previsto adxudicar o luns, 13 de marzo, as obras de mellora no servizo da instalación de climatización e renovación de aire do Centro Sociocultural de Santa Marta a efectos de eficiencia enerxética e confort interior; que saíran a licitación por un importe de 112.154 euros. Unha actuación que reforza o compromiso do Goberno Municipal co barrio de Santa Marta.

O proxecto contempla, entre outras actuacións, a reforma e calorifugado do sistema de distribución polo conduto exterior existente, incorporando unha rede de condutos novos para a unidade de tratamento de aire; e illando adecuadamente os condutos de chapa actuais que dan servizo á ludoteca. Tamén está prevista a instalación de láminas de protección solar sobre os cerramentos traslúcidos orientados ao sur do edificio; e a instalación dunha nova bomba de calor, de 30 Kw de potencia conectada en fervenza coa existente co obxecto de dar servizo aos novos emisores.

Tamén está prevista a instalación do sistema compacto Rooftop (un equipo de climatizacíon que serve para climatizar e ventilar un espazo interior pechado, podendo xerar calor ou frío), para dar servizo exclusivo e independente á sala de usos múltiples. Contempla ademais, a colocación dunha nova unidade de aire UTA (Unidade de Tratamento de Aire) xeral para cinco subsistemas de climatización do edificio. Estas unidades compóñense de módulos cuxo interior pode albergar os compoñentes oportunos de ventilación para purificar, climatizar ou renovar o aire dun edificio ou local. Por outra banda, o proxecto tamén inclúe o recableado e reprogramación do control da instalación.

O proxecto contempla actuacións tanto no interior como no exterior. Así, está previsto realizar unha profunda reforma na rede de condutos de aire situados no exterior, sobre a cuberta do edificio. Esta reforma contempla o desmonte e achatarramento dos condutos e accesorios conectados ás recuperadoras de calor antigas, salvo no caso da ludoteca, no tramo que transcorre superficialmente sobre a cuberta.

Os condutos e accesorios novos serán metálicos de sección circular, conforme ás esixencias do RITE (REgulamento de Instalacións Términcas nos Edificios), cuns 50 mm de espesor, e aptos para o transporte de aire frío e quente. A nova rede realizarase con condutos de sección circular co fin de dotar ao centro dun sistema de circulación de aire máis eficiente a nivel enerxético.

Compartir: