ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfación pola creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Santiago

10/03/2023 O alcalde valorou de xeito "moi positivo" a proposta de creación do xulgado de violencia de xénero que abranguerá todo o partido xudicial de Santiago, así como o respaldo unánime do Pleno á declaración de especial interese e utilidade municipal para o proxecto do Centro de Protonterapia. Sánchez Bugallo deu conta deste e outros asuntos na rolda de prensa desta mañá.

Na súa intervención, o rexedor valorou positivamente a aprobación por unanimidade na sesión extraordinaria desta semana da declaración de especial interese e utilidade municipal para o proxecto do Centro de Protonterapia, que estará ubicado no recinto hospitalario do CHUS. Sánchez Bugallo explicou que o anteproxecto presentado pola Xunta estará aberto á exposición pública ata finais deste mes de marzo.

O alcalde congratulouse do "recoñecemento unánime da trascendencia deste intervención", que xunto ás obras de ampliación do CHUS, tamén declaradas polo Pleno como de especial interese e utilidade municipal, trátanse de obras cunha importancia "fundamental para a cidade". Sánchez Bugallo recordou que a ampliación do Hospital, cuxas obras de licitación foron adxudicadas esta semana, será a "cuarta" actuación e "a máis ambiciosa" que se levará a cabo no complexo.

Novo Xulgado de Violencia de Xénero

Tamén valorou como un fito "moi positivo", a proposta da futura creación en Santiago do xulgado de violencia de xénero, "nos termos que propuña a declaración institucional aprobada polo Pleno o pasado mes de febreiro", xa que recolle a demanda de atribuirlle una competencia territorial sobre un ámbito extenso, e que finalmente "incluirá todo o partido xudicial de Santiago".

Para o rexedor, a creación deste novo xulgado permitirá "a atención especializada de delitos de violencia de xénero, e evitar o colapso dos tres xulgados de instrución cos que conta Santiago de Compostela". Sánchez Bugallo explicou que como os delitos de violencia de xénero teñen prioridade, "descadran a programación do xulgado, distorsionando de xeito notable o funcionamento do servizo", ao retrasar causas doutro tipo. Por iso é tan importante, insistiu, "liberar os xulgados de instrución".

"Estamos contentos cos pasos que se van dando, pero aínda queda unha ampla folla de ruta por percorrer", engadiu. Así, ademais deste xulgado específico de violencia contra a muller, a declaración institucional tamén demanda a creación dun terceiro xulgado do contencioso-administrativo, a creación dun xulgado de familia, e a creación dunha segunda sección da Audiencia Provincial en Santiago.

Neste sentido, o rexedor reiterou que "seguiremos reivindicando" a creación en Santiago dun terceiro xulgado do contencioso-administrativo " que poida facer fronte ao "elevado volume de procedementos" que tramitan. Tamén é prioritario, continuou, ese xulgado de familia e "dotar de medios ao Imelga", actualmente bloqueado e con "probas e informes· tardan ata dous anos", unha dilación temporal que "non é razoable". Ademais "débese reforzar", engadiu, esa segunda sección da Audiencia Provincial".

Sánchez Bugallo tamén se amosou satisfeito coa aprobación da ampliación de crédito para as subvencións nominativas do 2023 que beneficiarán a entidades locais de comercio, benestar, do ámbito cultural ou entidades deportivas, xa que é "un dos anos no que máis cedo se aproban".

Compartir: