FESTAS

A Festa da Uña de San Lázaro celebrarase do 24 ao 27 de marzo

10/03/2023 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Orde da Uña, Fernando Neira, presentaron o programa da Festa da Uña, unha celebración con gran tradición en Santiago, que é ademais unha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia. A Festa celebrarase do venres 24 ao luns 27 de marzo, cando terá lugar a tradicional poxa das uñas. Este prato tradicional prato poderá degustarse case nunha trintena de restaurantes do barrio e do resto de Santiago.

Vinte e sete restaurantes, do barrio de San Lázaro pero tamén doutros barrios, ofrecerán durante estes días as súas versións do tradicional prato das Uñas, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo. Con esta cifra, o número de restaurantes continúa subindo ano tras ano, xa que no 2022 foron 23 e 21 no 2019, antes do parón xerado pola Covid-19.

Dende a Orde da Uña, asociación gastronómica cultural organizadora da Festa, este ano queren facer unha homenaxe especial a tres músicos do barrio falecidos nos últimos anos: Bartolo, Pascual e Antonio "o Petelo", dedicándolles o "Día de Foliada" o domingo 26 de marzo. Os tres foron persoas moi coñecidas e queridas en San Lázaro, e aprendéronlle o amor pola música galega tanto aos rapaces da veciñanza como de todo Santiago. A eles está dedicada a gráfica deste ano.

O programa lúdico-festivo comezará o sábado 25 de marzo pola mañá, aínda que a maioría dos restaurantes xa ofrecerán dende a noite anterior o tradicional prato das Uñas. Durante toda a fin de semana sucederanse as actividades no barrio, con actuacións musicais, orquestras, atraccións e a procesión do domingo.

A Festa rematará na noite do luns 27, coa orquestra París de Noia. Pero antes, pola mañá, realizarase a tradicional poxa das uñas, que remonta ás súas orixes a cando se instaurou na entrada norte da vila o lazareto para a atención de persoas coa enfermidade da lepra. Os familiares dos enfermos ofrecían as uñas dos porcos ao Santo para que velara por eles e lle dera saúde o aos cochos que criarían para o vindeiro ano.

O programa completo da Festa da Uña, así como o listado de restaurantes que ofrecen o tradicional prato da Uña, pode consultarse tanto no folleto de Semana Santa editado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Xunta de Confrarías como na páxina web santiagoturismo.com.

Direcciones relacionadas



Compartir: