TURISMO

O Concello e a Xunta de Confrarías presentan o programa de Semana Santa

09/03/2023 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, o Bispo Auxiliar Francisco José Prieto, e o presidente da Xunta da Confrarías de Santiago, Luis Seoane, presentaron esta mañá o folleto que recolle o programa de actividades que se desenvolverán dende mediados de marzo ata mediados de abril arredor da Semana Santa. O programa en papel estará dispoñible na oficina de información de Turismo de Santiago na rúa do Vilar.

A Semana Santa é unha festa que conta con gran tradición na cidade, tal e como recoñeceu a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia que recibiu no ano 2018. Trátase ademais dunha Festa que marca o comezo da temporada alta turística na cidade.

Por estes motivos, dende o Concello de Santiago, en colaboración coa Xunta de Confrarías, editouse un folleto que recolle tanto as celebracións relixiosas e litúrxicas propias destas datas e que constitúen o seu núcleo central, como outro tipo de actividades dirixidas especialmente a tres perfís de turistas: culturais, gastronómicos e de natureza.

O folleto recolle a data, horario e percorrido das 16 procesións que se celebrarán na cidade, organizadas polas 11 confrarías existentes actualmente na cidade: Confraría das Dores, Orde Franciscana Segrar, Confraría da Esperanza, Confraría da Humildade, Confraría da Paciencia, Confraría da Vera Cruz, Confraría do Flaxelado, Confraría da Angustia, Confraría do Rosario, Confraría da Soidade, Confraría dos Irmáns.

O programa inclúe as actividades culturais e exposicións que terán lugar durante estas semanas. E tamén destaca os concertos que se celebrarán dentro de "De Lugares e Órganos", ciclo musical centrado no patrimonio organístico de Santiago. Ademais, inclúense os horarios de apertura de Igrexas, algunha das cales abren especificamente en Semana Santa.

Respecto do Turismo Gastronómico, inclúense dúas propostas: por unha banda, a celebración da Festa das Uñas de San Lázaro, que ten lugar no Quinto Domingo de Coresma, antesala da Semana Santa, e durante á que se pode degustar o tradicional prato de Uñas; por outra banda, inclúe unha serie de suxestións de doces típicos de Santiago, e en especial destas datas.

Finalmente, inclúese por primeira vez unha nova proposta para os turistas amantes da natureza baixo o nome de "Santiago Natural", recomendando un catálogo de oito sendas naturais accesibles andando desde a cidade, de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, pensadas para realizar nun par de horas ou medio día como máximo, coa idea de poñer valor a proximidade e profunda relación do centro urbano de Santiago coa súa contorna natural.

Compartir: