PLENO

O Pleno aproba por unanimidade a declaración de interese municipal para a construción do Centro de Protonterapia

09/03/2023 A sesión extraordinaria do Pleno municipal desta mañá deu luz verde á declaración de especial interese e utilidade municipal para o proxecto do Centro de Protonterapia que estará ubicado no recinto hospitalario do CHUS. A Corporación municipal acordouno por unanimidade.

O alcalde congratulouse pola aprobación e recordou que este centro suporá "unha mellora cualitativa e cuantitativamente esencial para a atención sanitaria e a cumprimentación do dereito á saúde dos veciños e veciñas de Galicia e especialmente da cidade de Santiago de Compostela e a súa área sanitaria". Esta nova instalación permitirá "unha atención moi especializada a determinados tipos de cancros", e ademais será unha oportunidade tanto para o CHUS, que se converterá nun "centro de referencia ao dispor dun servizo exclusivo para unha área moi ampla", como para a facultade de Física da USC, que conta co único equipo de investigación de protóns que hai en Galicia.

O rexedor, non obstante, recordou que a construción deste novo centro así como a ampliación do CHUS, implicará a redución das prazas de aparcadoiro, polo que reiterou a necesidade de dispor dun novo parque "de rotación, con novas prazas".

Ampliación de crédito para subvencións nominativas

Na sesión extraordinaria de hoxe tamén se aprobou o expediente de modificación de crédito mediante crédito extraordinario por importe 20.000 euros para as subvencións nominativas do exercicio 2023 que xa foran aprobadas pola Xunta de Goberno do pasado 23 de febreiro por un importe inicial de máis de 1.5 millóns de euros.

En total concederanse 70 subvencións nominativas por un valor total de 1.585.908 euros, que estarán destinadas, entre outras, a entidades comerciais para programas de dinamización (Compostela Monumental, Punto Compostela, Santiago, Centro, Área Central, Ourives de Compostela, Praza de Abastos, entre outros); de benestar social (entre elas, a Cociña Económica, Cáritas, o Albergue Xoán XXIII, Cruz Vermella, etc.); as do ámbito cultural (Ateneo, Rocha Forte, Festival Plataforma…); entidades deportivas (Obradoiro, Sociedade Deportiva Compostela, Club Ciclista Compostelano, etc); e outras do ámbito da igualdade ou do turismo.

Compartir: