MOBILIDADE

O Concello de Santiago convoca o "I Foro da mobilidade" ao abeiro do proceso participativo do PMUS

09/03/2023 O I Foro da Mobilidade, que terá lugar o xoves 16 de marzo ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Santa Marta, estará aberto á partipación de toda a veciñanza e axentes implicados que queiran achegar suxestións, propostas ou inquedanzas en materia de mobilidade.

O Concello de Santiago abre o proceso de consulta pública para a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) convocando un primeiro encontro participativo no que se presentará a metodoloxía do proceso, o seu enfoque integrador, os obxectivos e liñas estratéxicas xerais así como as distintas canles e medios de participación pública que estarán dispoñibles e se levarán a cabo ao longo de todo o proceso.

Co obxectivo de que o PMUS sexa un plan de todos/as e para todos/as adaptado á realidade das necesidades da cidadanía de Santiago, levarase a cabo un proceso de participación pública a través do cal a veciñanza en xeral e os axentes cunha implicación directa en materia de mobilidade en particular conten con diferentes vías de participación a través das que poidan dar a coñecer as súas inquedanzas, suxestións, identificación de problemáticas, propostas de actuación, etc, de cara a telas en conta no proceso de elaboración do Plan.

Este I Foro da Mobilidade terá lugar o xoves 16 de marzo ás 18:00 horas na Sala Agustín Magán (no Centro Sociocultural de Santa Marta). Nesta xornada, ademais de ser expostas as claves principais deste traballo, contarase con tempo para comezar o debate e realizar unha primeira aproximación ás necesidades e desexos en materia de mobilidade para o municipio e a súa área metropolitana.

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seguinte enlace.

Se tes algunha dúbida ou consulta poderás resolvela a través do correo electrónico ou por vía telefónica no número 604.025.160.

PMUS

O PMUS de Santiago é un Plan Estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de mobilidade de toda a cidadanía na procura dunha mellor calidade de vida.

Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, aliñado cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Santiago de Compostela.

Compartir: