DEPORTES

A piscina de Santa Isabel acolle este domingo o Campionato Galego de Natación Máster de Fondo

09/03/2023 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou o evento acompañada por José Ángel Rioseco, presidente do CDN (Club Deportivo Natación Cidade de Santiago), e o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera. A competición, que homenaxea a memoria do referente da natación galega, Gerardo Steudel, contará coa participación de 133 deportistas.

O Campionato Galego de Fondo Máster: XIV Memorial Gerardo Steudel vaise celebrar o domingo 12 de marzo na piscina do pavillón municipal de Santa Isabel. A competición contará coa participación de 133 nadadores, pertencentes a 21 clubes. En concreto, o Club Deportivo Natación Cidade de Santiago participa con 15 deportistas.

O campionato celebrarase en horario de mañá e de tarde, comezando ás 10.00 h coas probas de 1.500 libres masculino e 800 libres feminino e ás 17.00 h, as de 1.500 libres feminino e 800 libres masculino.

Para a concelleira Esther Pedrosa, esta proba "é un reflexo da aposta do Concello de Santiago polo deporte. Podemos dicir que en 2022 Santiago foi capital do deporte de Galicia. Desde o Concello de Santiago, concretamente desde a Concellaría de Deportes, apoiamos máis de 160 eventos deportivos, entre campionatos, torneos, xornadas, etc.", salientou a concelleira, que aproveitou para lembrar que a importancia de practicar deporte: "mantennos en forma, prevé distintas enfermidades e axúdanos a manter hábitos de vida saudables".

O presidente do CDN e o secretario xeral da Federación Galega de Natación quixeron agradecer o apoio do Concello e animaron a veciñanza compostelá a asistir á competición para apoiar aos nadadores nas excelentes instalacións de Santa Isabel, con 8 rúas e amplas gradas.

Gerardo Steudel

Gerardo Steudel foi un dos maiores impulsores da natación galega nas últimas décadas, logrando importantes avances nesta disciplina para Galicia. O nadador faleceu en 2007 durante unha proba de natación en augas abertas e desde entonces se lle adica este memorial a modo de homenaxe.

Compartir: