MEDIO AMBIENTE

Acordo coas asociacións de hostalería no axuste do horario para o sistema de recollida ‘porta a porta’ na cidade histórica

08/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; e técnicos municipais mantiveron esta mañá unha xuntanza coas asociacións de hostalería para tratar o sistema de recollida de residuos ‘porta a porta’.

Logo da xuntanza, que o rexedor cualificou de "moi produtiva e clarificadora", Sánchez Bugallo anunciou que se producirán algúns axustes: "as recollidas de envases vanse facer pola mañá, en vez de pola noite" e modificarase o inicio do servizo o antes posible, de xeito que o comezo na cidade histórica "vai ser ás 12 da noite de domingo a mércores, e xoves, venres, sábados, vésperas de festivos e festivos será á 1.00 h", sinalou.

O alcalde agradeceu o "clima de colaboración e a actitude positiva para buscar solucións acaídas" e anunciou que haberá unha nova reunión dentro de 14 días para facer un seguimento do servizo. Non obstante, indicou, esta xuntanza "permitiunos ver que as diferenzas non son tan grandes". "É un sistema novo e con cambios que afectan á funcionalidade de determinados servizos", salientou ao tempo que lembrou que tamén hai que ter en conta á veciñanza da zona: "tratamos de buscar solucións aos problemas de todos".

Compartir: