MOBILIDADE

Inícianse os traballos de toma de datos para a revisión do PMUS de Santiago

28/02/2023 O Concello de Santiago iniciou o proceso de toma de datos para a actualización e revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) mediante a realización dunha Enquisa Domiciliaria de Mobilidade (EDM) co obxectivo principal de coñecer a mobilidade da poboación de Santiago e das súas principais áreas de influencia.

Para isto, considerouse a poboación de máis de 15 anos censada a 1 de xaneiro de 2021 como aproximación á poboación residente nas zonas de estudo, sendo estas un total de 112.039 persoas (segundo os datos do INE). Destas, seleccionarase unha mostra o suficientemente representativa para obter a información que se pretende recadar segundo o agregado de zonas de estudo, o sexo e a idade, e realizaranse as correspondentes entrevistas telefónicas ata acadar as cotas de deseño.

O ámbito de estudo está formado por 10 áreas xeográficas, 6 delas coincidentes cos distritos censais do municipio de Santiago de Compostela e os 4 restantes son agrupacións censais que conteñen os principais núcleos urbanos da área metropolitana de Santiago de Compostela: O Milladoiro e Bertamiráns (Ames), Os Tilos (Teo), Brión (Brión) e Sigüeiro (Oroso).

As enquisas realizaranse en días laborais recollendo os desprazamentos do día anterior de todos os membros da unidade familiar entrevistada maiores a 15 anos, sempre que o desprazamento sexa maior a 5 minutos, xa sexan a pé, en bicicleta, en transporte público ou en calquera outro medio de transporte.

Trátase de determinar os patróns xerais de mobilidade dos santiagueses e das persoas das zonas da área de influencia seleccionada, as orixes e destinos dos desprazamentos, os modos de transporte empregados, as súas características especiais e outros aspectos que permitan obter unha imaxe fiel da situación actual de Santiago para poder planificar a corto, medio e longo prazo, a estratexia do municipio, fomentando un modelo de mobilidade sostible, accesible e inclusivo.

Os resultados obtidos da EDM analizaranse en profundidade e complementarán ao resto de datos que proporcionará a campaña de campo.

O PMUS de Santiago é un Plan Estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de mobilidade de toda a cidadanía na procura dunha mellor calidade de vida.

Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, aliñado cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Santiago de Compostela.

Compartir: