ACCIÓN CULTURAL

O Concello lanza unha nova edición do Premio Exeria para apoiar o proceso creativo de obras literarias

01/03/2023 O Concello de Santiago convoca unha nova edición do Premio Exeria para proxectos de creación literaria, un certame que ten por obxecto incentivar a creatividade e a producción literaria escritas en lingua galega. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e a poeta Yolanda Castaño presentaron esta mañá as bases da nova convocatoria, que na súa primeira edición recaeu na narradora Ana Cabaleiro e a súa proposta "Shukran".

Mercedes Rosón explicou que esta convocatoria, organizada pola Concellaría de Acción Cultural en colaboración coa entidade "Residencia Literaria 1863" e o Consulado Xeral de España en Xerusalén, está destinada a "fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír á internacionalización dos proxectos literarios de autores/as residentes en Santiago "que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra".

O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros ademais dunha estadía para creación literaria na residencia Al Mamal na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto, cuxa reserva será xestionada polo Concello de Santiago.

A poeta Yolanda Castaño agradeceu ao Concello de Santiago "a súa implicación" nos premios Exeria, sinalando que se trata do "dun dos poucos concelleor que decide apoiar aos escritores durante o proceso de xestación e non só unha vez acabada a obra", e ademais invitou aos autores e autoras a presentar a súa candidatura por tratarse dunha oportunidade "necesaria e valiosa" para "esquecerse das súas obrigas diarias e centrarse na súa obra, nun contexto exento de connotacións que permite estimular a creatividade".

Tanto Mercedes Rosón, como Yolanda Castaño destacaron a importancia do nome dos premios, Exeria, a primeira muller da que hai testemuñas escritas, a través do seu propio diario, en peregrinar de Santiago de Xerusalén.

Presentación de solicitudes

Os proxectos presentados deben corresponder a obras en fase de execución e que sexan inéditas. O período de presentación de orixinais é de 30 días contados a partir do día seguinte á publicación das bases no Diario Oficial de Galicia, que se produciu o 27 de febreiro.

As e os creadores interesados en participar deberán estar empadroados en Santiago, e presentar unha memoria que describa o proxecto literario que se pensa desenvolver, con indicación do xénero literario, sinopse, estrutura, forma e estilo; un currículo; un cartafol que reflicta o seu traballo literario anterior; así como unha carta de motivación explicando os motivos polos que se presenta á convocatoria.

Está previsto que o fallo dos premios se dea a coñecer nos vindeiros meses, previa deliberación dunha comisión formada por tres profesionais de recoñecido prestixio do ámbito literario galego.

As solicitudes poderán presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica ou de forma presencial na oficina de Rexistro xeral do Concello.

Direcciones relacionadas



Compartir: