XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto para a construción do Centro Integral para a Inclusión Social en Belvís

27/02/2023 A Xunta de Goberno local aprobou hoxe a proxecto de execución do Centro Integral para a Inclusión Social no entorno do Parque de Belvís cun orzamento de 835.142 €. Tamén se acordou a contratación do servizo de redacción do Proxecto Básico e de Execución e Dirección de Obra para a realización de obras de mellora no interior do Pazo de Raxoi. O alcalde deu conta deste e doutros asuntos tratados en Xunta de Goberno nunha rolda de prensa que tivo lugar esta maña.

O proxecto de execución do Centro Integral para a Inclusión Social foi elaborado polo estudio de arquitectura ARQUITAV ARQUITECTOS e contará cun orzamento total de execución material de 835.142 € (Orzamento de Execución Material + I.V.E) para a súa execución nun prazo de 8 meses.

O alcalde explicou que o novo centro "estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso" e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). "A superficie total construída será de 1.152 m2 que serán adicados a este centro de servizos para atención e fomación de persoas en risco de exclusión social".

Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.

No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.

O programa da intervención divídese en tres áreas funcionais: Área de acollida e intervención social (AF1), na que se levarán a cabo labores de acollida (primeira atención, valoración, orientación, aproximación diagnóstica, deseño da intervención social), garantirase o aloxamento e cubriranse as necesidades básicas. Este espazo contará con zona de recepción, despachos para traballadores sociais, arquivo, sala de espera e zona de descanso, aseos e duchas segregados por xénero, zona de lavandería, consignas de uso individual, sala de limpeza e un salón de actos para a realización de actividades diversas.

A segunda será a Área de intervención socio-educativa e de atención socio-sanitaria (AF2), a través da cal se coordinarán os distintos servizos sociais comunitarios e dispositivos de atención primaria de saúde e de atención especializada e se levarán a cabo labores socio-educativas (orientación continuada, pautas de saúde e hixiene persoal…) e que contarán con despachos para os/as educadoras e os técnicos, aulas para traballo en grupos, aula de informática, sala de espera e zona de descanso, aseos e comedor-cociña.

Haberá un terceiro espazo, unha Área de incorporación social (AF3), unha zona de dirección e de implementación do Programa municipal de Inclusión Social, que contará con despachos para axente de desenvolvemento local, psicólogo, dirección do centro; aulas para traballo en grupos, aseos, sala de espera e zona de descanso e sala de xuntas.

En canto aos espazos exteriores, adecuaranse para ser utilizados como praza pública e lugar de encontro, así como unha zona para actividade hortícola.

Trátase dunha acción vinculada á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA), dentro do Vector Estratéxico CI "Compostela Inclusiva", na liña de actuación: "rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos".

Obras de adecuación do Pazo de Raxoi

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente "Servizo de redacción do Proxecto Básico e de Execución e Dirección de Obra para a adecuación do Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago de Compostela, para a realización de visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico, cun orzamento base de licitación de 350.160,98 € (base impoñible de 289.389,24 € máis IVE do 21% por importe de 60.771,74 €).

Trátase dun contrato que conta coa financiación da convocatoria de Proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico integradas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e co que "se levarán a cabo unha serie de actuacións no interior do edificio, da mesma maneira que agora se están a realizar na fachada da praza do Obradoiro", explicou o alcalde. "Prevese un investimento total de 3 millóns de euros" para o proxecto, cuxo primeiro paso é "esta aprobación do servizo de redacción e o seguinte paso será a licitación da obra e despois a súa adxudicación", engadiu.

Programa de conciliación de Semana Santa

Tamén saiu adiante o "Programa municipal de conciliación de Semana Santa 2023", que terá lugar os vindeiros días 3, 4, 5 e 10 de abril de 2023 nas instalacións do CEIP Quiroga Palacios e CEIP Monte dos Postes. O Concello de Santiago destinará a este programa un orzamento total máximo de 14.490,00 €.

Trátase dun programa gratuíto que se concibe como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Está dirixido a nenos e nenas empadroados o Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria (ambos os dous inclusive) con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Ofreceranse un total de 170 prazas para obradoiros e actividades (de 9.00h a 14.00h), 70 prazas para o servizo de almorzo (de 7.45h a 9.00h) e 130 prazas para o servizo de xantar (de 14.00h a 16.00h). Reservaranse 20 prazas de cada modalidade para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago .

O prazo de solicitude abrirase desde mañá 28 de febreiro ata o 3 de marzo de 2023

Curso escolar 2023-24 nas escolas infantís municipais

Ademais, tamén se aprobaron os procedementos de reserva, admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2023-2024.

O prazo de presentación de solicitudes para reserva de praza e traslado do alumnado actual estará aberto entre os días 1 e 10 de marzo, a través da sede electrónica do Concello ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago ou mediante calquera das formas previstas na Lei. A lista de reservas e traslados e o número de prazas vacantes por unidades, publicarase o vindeiro 15 de marzo na páxina web municipal e nos taboleiros de anuncios das escolas infantís municipais.

O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será do 16 de marzo ao 17 de abril.

As listas definitivas de admitidos/as, excluídos/as e da lista de agarda faranse públicas entre 29 de maio e o 5 de xuño. O prazo de matrícula para todo o alumnado das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas, e Meixonfrío-Salgueiriños será do 6 ao 16 de xuño.

Outros contratos

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o contrato de "Subministración e Implantación dunha nova estrutura de Centro Procesamento de Datos (CPD), financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU " á empresa PERIFERICOS Y MEMORIAS ESPAÑA, SLU, por un importe de 264.461,23 € (Base impoñible: 218.563,00,00 €, IVE do 21%: 45.898,23 €).

Ademais aprobouse o prego de prescricións técnicas particulares para a "Subministración, instalación, configuración e posta en marcha de ordenadores de sobremesa e monitores en centros socioculturais no ámbito rural de Santiago de Compostela (campaña 2022)", que contará cun orzamento total de 39.170,17 euros, iniciativa presentada ao abeiro do plan POS+ Adicional 2/2022.

Compartir: