COMERCIO

Ampliado o prazo de descarga e uso dos Bonos Corazón Compostela ata o 31 de decembro

01/12/2022 O Goberno Municipal acordou hoxe ampliar o período de validez dos Bonos Corazón Compostela desde o día da publicación das bases no BOP da Coruña ata o 31 de decembro de 2022, salvo esgotamento previo do saldo. O Concello de Santiago destina a estes bonos 1.250.000 euros. Ata agora, o último día para descargalos e utilizalos era o 10 de decembro. Unha vez se publiquen no BOP, amplíase o prazo ata o último día do 2022.

A finalidade do programa de "Bonos Corazón Compostela" é doble. Por unha banda incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo no comercio e hostalería de Santiago. E por outra, impulsar e fortalecer o sector comercial retallista e hostaleiro do municipio; dinamizar a actividade económica promovendo as compras de bens e servizos; e reducir o impacto económico da crise que afecta ao sector. Destacar tamén que, as persoas que merquen no comercio local poden solicitar, nos distintos establecementos, os seus bonos de aparcamento de balde.

A entrega e distribución dos fondos das axudas faise a través de Abanca, a entidade colaboradora seleccionada. Establécense tres modalidades de bonos, de 75, 50 e 30 euros, todos con IVE incluido. Todos están cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos, podendo escoller libremente entre calquera das tres modalidades de bonos dispoñibles, ou máis dun bono da mesma modalidade. Para a solicitude e obtención dos bonos, cada persoa usuaria debe darse de alta na web bonoscorazoncompostela.gal, indicando a información requerida: nome e apellidos, localidade, DNI, contacto, etc).

O bono ten a consideración de "bono desconto" para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos. O importe irase reducindo ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo.

Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do saldo remanente non consumido, sen poder instar a súa devolución.

Direcciones relacionadas



Compartir: