XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o contrato do servizo de madrugadores e de comedor na rede de centros de educación infantil e primaria por preto de 2,5 millóns de euros

30/11/2022 A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de madrugadores e de comedor na rede de centros de educación infantil e primaria dependentes do Concello á empresa Alimentación Saudable, SL, por un importe total de 2.479.169,36 euros para os dous vindeiros anos.

Do gasto total, 275.463,26 euros serán para o que resta de 2022; 1.377.316,31, para 2022; e 826.389,79, para 2024.

Na oferta, a empresa comprométese a unha variedade de menús do almorzo de entre 14 e 20; 30, no caso dos menús de xantar. Garante a ausencia de pratos precociñados e unha distancia das cociñas centrais con respecto aos centros educativos de 0 a 25 quilómetros. Así mesmo, levarase a cabo un plan formativo do persoal adscrito ao servizo (monitorado e coordinadores/as de comedor). Dentro dos menús, a porcentaxe en relación coa totalidade de materia prima empregada de produto fresco será do 50%; e o 70% corresponderase con produtos de tempada e da contorna.

Outros asuntos

Na mesma sesión, o executivo local acordou aprobar o expediente para a subministración e implantación dunha nova estrutura de CPD financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU cun orzamento base de licitación de 448.910,00 € (base impoñible de 371.000,00 € máis IVE do 21% de 77.910,00 €) e abrir o procedemento aberto de adxudicación.

Tamén se deu luz verde ao inicio do expediente para a subministración e implantación dunha nova solución de xestión de facturas. Este proceso implicará a migración do aplicativo de xestión contable do Concello, integrando, deste xeito, ambas solucións a nivel operativo e sitúandoas nun único servidor.

Por último, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, para a implantación de solucións no ámbito da ciberseguridade.

Documentos relacionados



Compartir: