EDUCACIÓN, CENTROS SOCIOCULTURAIS E RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello de Santiago recupera o MultiXogo Nadal que se suma ao amplo programa de actividades de conciliación para estas vacacións

29/11/2022 Os concelleiros de Educación, Rubén Prol, de Relacións Veciñais, Gonzalo Muíños, e a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentaron esta mañá en rolda de prensa a oferta de actividades nas escolas infantís e nos CSC da cidade para favorecer a conciliación durante as vacacións de Nadal. Tamén se presentou a iniciativa Multixogo Nadal que se desenvolverá entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro no multiúsos Fontes do Sar.

Un ano máis, o Concello de Santiago presenta o seu programa de actividades en diferentes espazos da cidade co que se pretende ofrecer un tempo de ocio de calidade para os máis pequenos ao mesmo tempo que se favorece a conciliación familiar e laboral nos periodos de vacacións.

Así, os CEIP Quiroga Palacios e Monte dos Postes ofertarán un total de 100 prazas de conciliación para as vindeiras Festas de Nadal, dirixidas a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria da cidade con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O programa desenvolverase durante o período de vacacións os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2022 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2023, en horario de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de amplialo co servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e o servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

O concelleiro de Educación, Rubén Prol, recordou que o prazo de inscrición e matrícula estará aberto desde hoxe ata o 9 de decembro e que as familias poderán beneficiarse da reducción nos tarifas nos servizos complementarios que non sexan de balde.

Conciliación nos Centros SocioCulturais

Durante a rolda, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, tamén presentou o programa de conciliación "Cativadas de Nadal", como unha das iniciativas estrela do programa "Vive o Nadal" que a Rede de CSC de Santiago pon a disposición ao longo do período vacacional de Nadal para nenas e nenos entre os 5 e os 12 anos.

No marco desta iniciativa de carácter lúdico-educativo, este ano puxéronse a disposición un total de 185 prazas nos diferentes centros urbanos e rurais, que terán lugar durante os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 10 a 14 h, con posibilidade de solicitar horario ampliado de 8 a 15 h.

Trátase dun programa de actividades gratuíto e co que se traballarán temáticas concretas en cada un dos centros relacionadas co teatro, a cociña, o circo, a maxia, o deporte…desenvolvido por un equipo técnico de persoal especializado en educación, animación e actividades de tempo libre.

A lista de persoas solicitantes publicarase mañá, 30 de novembro, e abrirase o prazo de reclamación ata o 1 de decembro ás 14:00 horas. Se fose preciso, levarase a cabo un sorteo público no CSC de Santa Marta o 2 de decembro ás 12:00 horas

MultiXogo Nadal

O concelleiro Gonzalo Muíños presentou Multixogo Nadal, "un evento xa coñecido pola cativada compostelá que volve tras varios anos de ausencia cun novo nome e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar". As actividades, dirixidas a un público familiar, desenvolveranse entre os días 26 de decembro e o 2 de xaneiro entre as 17:00 e as 20:30 horas (agás o 31 decembro, entre as 10:30 h e a 14:00 h).

En palabras do xerente do Multiúsos Fontes do Sar, Antón Antelo , "o MultiXogo Nadal será un gran parque de atraccións de 3.500 m2 no Multiúsos Fontes do Sar no que haberá actividades diversas para o público familiar".

O evento contará cunha gran tirolina de 80 metros de percorrido dende a que se atravesará dende as alturas toda a pista central do recinto en diagonal, así como de circuitos de inchables, rocódromos, piscina de bolas xigante, circuito de karts a pedais, simuladores, videoconsolas, xogos interactivos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal.

Ademais de todas estas actividades, dispoñibles os 8 días de apertura, haberá unha programación diaria na que se sumarán actuacións, exhibicións e obradoiros especiais: concertos didácticos de cancións de Nadal, sesións de maxia, contacontos, sesión de dj infantil con campanadas, sesións de zumba, chocolatada de benvida 2023, obradoiro de robótica e exposición de modelos de Lego xogables, repostería de Nadal, actividades en inglés…

O prezo da entrada por persoaserá de seis euros e entrada anticipada poderá adquirirse en Ataquilla ou no despacho de billetes do Multiúsos os días do evento.

Compartir: