ACCIÓN CULTURAL

A Banda de Música estrea este domingo as tres obras finalistas do I Concurso de Composición e desvelará a gañadora ao remate do concerto

25/11/2022 Este vindeiro domingo día 27 de novembro de 2022 ás 12:00h, no Teatro Principal, a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, dentro da temporada SonArte, vai interpretar un concerto baixo o título de "A banda sonora compostelá". Este concerto é a estrea absoluta das tres obras finalistas do I Concurso de Composición da BMSC e a obra gañadora desvelarse ao final do acto.

Para este certame, que celebraba a súa primeira edición, recibíronse un total de 46 partituras de 16 países diferentes. O xurado, formado polos mestres Fernando Buide del Real, Juan José Ocón Arza e Bart Picqueur, seleccionou 3 partituras como finalistas, que soarán por primeira vez este domingo na interpretación da Banda Municipal baixo a dirección do seu director titular, David Fiuza.

O veredicto final dos tres premios, valorados en 6.000 euros, resultante da votación dos músicos (50%) e da puntuación do tribunal (50%) vaise dar a coñecer ao final do concerto. Tamén se dará a coñecer a autoría das obras o día do concerto, ao que asistirán os tres compositores finalistas.

O programa, centrado na cidade de Santiago, complétase coa obra "Do Gaiás ó Pedroso", do compositor compostelán Fernando Buide del Real, que foi escrita por encargo para a Banda Municipal no ano 2018, e coa obra do compositor francés Tierry Deleruyelle titulada "Compostela".

Compartir: