TURISMO

Santiago(é)Tapas dá a coñecer os seus dez locais finalistas

23/11/2022 Xa está todo listo para a gala de entrega de premios do XIV Santiago(é)Tapas, que se celebrará o próximo luns, 28 de novembro, ás 20.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Un acto no que, ademais de coñecer as tapas gañadoras en cada unha das categorías participantes, farase entrega da chaqueta curta oficial do concurso aos dez locais que obtiveron unha maior puntuación entre o voto do público e do xurado profesional.

Estes dez locais son ArteSana Gastrobar, Bar Suso, Bodeguilla de Santa Marta, El Cartel de Mawey, La Planta, Madia Leva, O Sendeiro, Pedra, TS A Casa e Vilar 64.

Entre eles están os vencedores das distintas categorías: premio á mellor tapa creativa e premio á mellor tapa tradicional, dotados con 1.000 euros cada un; e premio á mellor tapa maridada con viño e á mellor tapa maridada con cervexa, dotados con 500 euros cada un.

A Asociación de Celíacos de Galicia entregará tamén un premio á Mellor Tapa sen Glute. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

O XIV Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago no que participaron 63 petiscos, é un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalería Compostela. O certame volveu a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía. Tamén colaboraronn nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa, Can Cat e Renfe.

Santiago(é)Cóctel

Durante o transcurso da gala tamén se entregarán os premios do III Santiago(é)Cóctel, un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss.

Participaron neste concurso 35 cócteles que optarán aos premios: Primeiro Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 500 euros; Segundo Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 400 euros; e Mellor Gin Tonic Tradicional con Royal Bliss e Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotados con 600 euros cada un.

Compartir: