POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á conmemoración do Día da Infancia coa celebración dun pleno infantil

21/11/2022 Un grupo de alumnos e alumnas dos CEIP das Fontiñas convertéronse en concelleiros e concelleiras por un día e celebraron un pleno municipal con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro. Con eles estiveron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, e varios membros da Corporación municipal.

O 20 de novembro conmemorouse o Día Mundial da Infancia, un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo no que se celebra o aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada en 1989. Trátase dunha oportunidade para dar especial relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención sobre os dereitos dos nenos e das nenas e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos e en calquera lugar.

Este documento, clave para o desenvolvemento da infancia nas últimas décadas, apela no seu artigo 12 á necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de ser escoitados, directamente ou a través dun órgano apropiado, en todos aqueles procedementos que lle afecten.

Partindo destas ideas e entendendo as institucións políticas como responsables de que o dereito á participación se vexa cumprido nos seus territorios, esta mañá o Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a celebración dun pleno infantil cuxo obxectivo é darlle aos nenos e nenas a posibilidade de compartir ideas e propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da CDN na súa contorna e promover o seu dereito a decidir sobre os temas que lles afecten a nivel local.

O Concello de Santiago amosa o seu compromiso coa infancia e a necesaria concienciación da cidadanía sobre a importancia de seguir traballando e sumando esforzos, para que os dereitos dos nenos e nenas se vexan cumpridos en todo momento e en todo o mundo.

Nesta ocasión participaron de forma presencial 17 nenos e nenas de 5º de primaria do CEIP das Fontiñas.

Compartir: