DEPORTES

Santiago acolle esta fin de semana a final do Campionato de España de Enduro

17/11/2022 Compostela acollerá a proba final do Campionato Nacional de Enduro. Do venres 18 ao domingo 20 de novembro, os circuítos dispostos no entorno do Estadio Verónica Boquete acollerán á elite a nivel nacional deste deporte de resistencia e habilidade.

A concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, presentou esta proba nunha rolda de prensa na que tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Camba, e tres dos pilotos participantes na competición.

A concelleira destacou a importancia deste campionato "xa que debido ás súas características, é ideal para pór en valor o noso patrimonio natural, xa que moitas das etapas discorren na súa meirande parte en zonas rurais" e Santiago "ten unha gran extensión rural que cómpre valorizar".

O Enduro de Santiago, que consta de varias categorías (supertest, extreme test, enduro test, e cross test), arrincará o venres ás 18:00 h da tarde co habitual Supertest situado xunto ao paddock, nos exteriores do estadio Verónica Boquete. Mentres que, un día despois, dita especial, transformarase na Extrema.

O Gran Premio de España está organizado polo Moto Club Movete na Moto coa colaboración das federacións internacional, española e galega de Motociclismo e conta co apoio do Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Deporte Galego, a Xunta de Galicia, a Policía Nacional e Local, a Garda Civil e Protección Civil de Santiago.

Charlas nas escolas

Con motivo da celebración do Campionato de España de Enduro na cidade, o Concello de Santiago organizou unha serie de charlas divulgativas polos centros educativos CEIP de Roxos, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Raíña Fabiola e CEIP Lamas de Abade.

Durante o encontro, os pilotos Jaume Betriu (Campión de España Cross Country, Campión de España de Enduro do 2015 ao 2021 en E2/E3, Campión de España Absoluto en 2015 e 2017, mellor rookie 2020 no París-Dakar, Subcampión do Mundo 2019/2020) e Luis Gonfaus (3º no Campionato de España de Enduro Infantil 2019, Campión Catalán 125cc 2020, Subcampión de España 125cc 2021, TOP 10 da Categoría Youth co Equipo Nacional 2021) explicaron ao alumnado en que consiste o enduro, lle ensinaron unha motocicleta de competición e responderon as preguntas do alumnado.

Direccións relacionadas



Compartir: