CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Biblioteca Pública Municipal conmemora os 100 anos do nacemento de José Saramago

16/11/2022 O CSC de Santa Marta acolleu ao longo desta tarde unha serie de actividades cos que a Biblioteca Pública Municipal pretende homenaxear ao escritor portugués con motivo do centenario do seu nacemento, o 16 de novembro de 1922. A xornada contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen sinalou que "procuramos honrar a memoria" do Premio Nobel, "dándolle continuidade ao seu legado". Recordou que hoxe, "todas as bibliotecas de todos os Centros Socioculturais, compartan o nome de José Saramago" e engadiu, "sentímonos moi honrados" de que esas bibliotecas "poidan ser útiles á sociedade".

O programa comezou ás 17:30h na sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta cunha serie de actividades dirixidas ao público infantil, entre as que se levou a cabo a lectura e a proxección da curtametraxe "A flor mais grande do mundo", baseada nun conto do autor portugués, seguido dun obradoiro creativo ao redor desta obra.

Desde as 19:30 h celebrouse unha lectura de textos do Nobel luso, a cargo dos membros dos Clubs de Lectura da Biblioteca e tamén de cidadáns que se achegaron o centro. Inmediatamente despois volveuse proxectar "A flor máis grande do mundo", e a continuación tivo lugar un coloquio no que se relataron as anécdotas vividas durante as visitas que José Saramago fixo a Santiago, de man de Maribel Martín e Ubaldo Rueda, ex-xefa de estudos e ex-director do IES Rosalía de Castro, persoas que se relacionaron de forma estreita co escritor portugués durante a súa estadía na cidade. Ubaldo Rueda lembrou, a través das portadas dos diarios daquelas datas, a importancia da estancia en Santiago do premio Nobel, o seu talante, e o seu compromiso coa esquerda e coa clase trabalaldora. Lembrou que o Premio San Clemente, que lle concedeu o alumando do IES Rosalía de Castro, cincocentas mil pesetas, donounas á Biblioteca José Saramago, que arrincaba por aquel entonces no Centro Sociocultural de Vite, que leva o seu nome, e que el mesmo visitou.

O evento tamén contou, ademais, coa presenza de Enrique Vázquez Naveira, xefe de Servizo de CSC, e do concelleiro Javier Fernández. Foi o alcalde, Sánchez Bugallo, quen se encargou de pechar a xornada e desvelar a imaxe creada a partir das fotos enviadas por máis de 600 persoas que participaron na creación da fotografía que simula a cara de José Saramago.

Compartir: