PLENO

Apoio unánime a "Ponte… nas ondas" para que sexa inscrita no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO

27/10/2022 O Pleno ordinario do Concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, admitiu unha moción conxunta de urxencia para apoiar a candidatura da "Asociación cultural e pedagóxica Ponte… nas ondas!" ao rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. Non se debateu, igual que a moción sobre a mellora dos espazos públicos de Vite -Vista Alegre e ampliación das zonas de aparcadoiro, na que todos os grupos tamén concordaron.

A experiencia de comunicación interescolar Ponte...nas ondas!, promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, foi presentada conxuntamente por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, ao rexistro das boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) da UNESCO. Esta inscrición debe producirse na reunión do 17º Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio inmaterial da UNESCO que se celebrará en Rabat (Marrocos) do 28 de novembro ao 2 de decembro. A moción, presentada a iniciativa do Goberno Municipal, apoia "o labor desenvolvido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! e apoia a inscrición do modelo Ponte...nas ondas! no Rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO." Sinala ademais, que "do presente acordo darase traslado á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura".

En canto á moción de mellora dos espazos públicos de Vite, foi presentada polo BNG e aprobada por unanimidade sen debate. Todos os grupos se comprometeron a apoiar o acordo para "estudar a inclusión nos orzamentos de 2023 das partidas necesarias para mellorar a accesibilidade, os espazos de aparacadoiro e o transporte público para atender as demandas d barrio de Vite-Vista Alegre.

Tamén se aprobaron por unaminidade as mocións número tres, presentanda por Compostela Aberta, e a número catro, presentada polo BNG, que se debateron conxuntamente. Na primeira contra as violencias machistas e con motivo da conmmoración do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, instase a actualizar os datos contidos no Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, a realizar e publicar un informe da situación das mulleres vítimas de violencias machistas no municipio de Santiago, a deseñar e implementar unha campaña transversal de sensibilización contra as violencias machistas, a programa actos e actividades municipais de apoio institucional ao 25 de novembro, e apoiar e colaborar co movemento feminista de Compostela na organizacióin e loxísitca dos actos do 25N.

En canto á segunda, o acordo é, ao abeiro do 25N, de incrementar, nos Orzamentos de 2023 os recursos destinados ao CIM, como recolle o V
Plan de Igualdade 2022-2025, co obxectivo de manter o labor que realiza e dotalo de persoal exclusivo e non compartido con outras áreas municipais; algo xa contemplado polo Goberno Municipal. Tamén se insta ao executivo local a colaborar co movemento feminista compostelán na organización de actividades do vindeiro Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

A primeira proposición debatida, presentada polo PP, tamén foi aprobada por unanimidade. No acordo, o Pleno insta "ao correspondente órgano do Goberno a que, á maior brevidade posible, dea os pasos necesarios para o inicio das obras da ponte sobre a liña ferroviaria que comunica os lugares de Outeiro e Argadán, na parroquia de Marrozos, así como a redacción da segunda fase do proxecto para enlazar esta infraestrutura coa estrada AC-960 (A Susana-Vila de Cruces).

Documentos relacionados



Compartir: