ALCALDÍA

Volve Compostela Photo, a mosta de fotografía contemporánea sobre as portas de 15 garaxes do Ensanche

30/09/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Chema Fernández, presidente de Santiago Centro, Área Comercial; Javier Blanco Lado, comisario artístico; e varios dos fotógrafos con obra en Compostela Photo asistiron esta mañá á presentación da mostra, que por segundo ano cobre con fotografías artísticas os portóns de quince garaxes do Ensanche compostelán.

Compostela Photo é unha iniciativa na que colabora o Concello de Santiago que busca dinamizar as rúas do Ensanche como área comercial e de lecer, converténdoas nun espazo expositivo singular, con capacidade de ofrecer un activo cultural e participativo a veciños e visitantes ao longo de todo o ano. Trátase dunha mostra de fotografías en gran formato que, nesta segunda edición, volve relacionarse co feito xacobeo a través da visión dun grupo seleccionado de 15 artistas visuais e fotógrafos afeccionados.

Para o alcalde compostelán, a exposición "mellora a imaxe da cidade, utilizando entradas de garaxe que habitualmente son obxecto de pintadas. Estamos vendo que este tipo de fotografías se están preservando e contribúen a dar un aspecto acolledor e agradable". Sánchez Bugallo afirmou que a mostra conta con "fotografías dunha gran calidade artística que nos fan reflexionar".

Pola súa banda, Chema Fernández destacou que esta "é unha forma de embelecer a cidade. Grazas ao Concello e ao Xacobeo podemos vender Santiago dunha maneira atractiva. Hoxe o turista xa baixa á zona nova e ten que atopar un barrio agradable no que se poden facer cousas ben interesantes".

Baixo a dirección do experto en arte contemporánea Javier Blanco, a II edición de Compostela Photo reúne 15 novas imaxes que sorprenderán aos viandantes pola súa localización sobre portóns de acceso a garaxes da zona nova compostelá. Oito das obras pertencen aos artistas visuais profesionais convidados pola organización Sebas Anxo, Xulio Villarino, María Moldes, Antón Rodicio, Ariadna Silva, Jesús Chacón, Llum A. González e Edu Valiña. Os sete restantes foron seleccionados entre as obras presentadas ao primeiro concurso fotográfico Compostela Photo, encabezadas pola fotografía gañadora, obra de Marcos Boedo, acompañadas polas realizadas por Carlos Cambre, Antonio López Santos, Loly Mato, Ramón R. Nóvoa, Inés Pesado e Ramón Rivas. Para Blanco, "con isto cúmprense os obxectivos de converter o festival nun evento aberto, que achegue diferentes olladas sobre a tradición xacobea e que contribúa a enriquecer o feito artístico e cultural compostelán". "O máis importante é que a xente pasa pola rúa e, sen facer esforzo, atópase con arte contemporánea", dixo.

Actividades paralelas

Arredor do festival lévanse a cabo actividades como percorridos fotográficos dirixidos por algúns dos artistas con obra en Compostela Photo. O pasado sábado, Sebas Anxo foi o encargado de acompañar a un grupo de trinta afeccionados polo Camiño Inglés, para retratar o misterio do Bosque Encantado, na Sionlla. Nunhas semanas organizarase outra saída polo centro de Santiago. Ademais, en colaboración con Fotoforum Compostela porase en marcha o mes que vén a actividade O Ensanche retratado, no que un grupo de fotógrafos rexistrarán escenas urbanas para despois expoñelas, xa en novembro, no Centro Sociocultural do Ensanche.

Certame fotográfico aberto á participación

Santiago Centro abre tamén a convocatoria da segunda edición do certame fotográfico Compostela Photo, no que poden participar tanto fotógrafos profesionais como afeccionados. En consonancia coa temática do festival, as propostas deben estar relacionadas cos valores naturais, históricos, espirituais,
culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago.

Os candidatos, maiores de 18 anos, poden enviar un máximo de tres imaxes en formato dixital, cunha resolución de 300 ppp ao correo compostelaphoto@santiagocentro.gal ata o 10 de novembro. No correo deberán indicar datos de contacto e incluír unha autorización asinada para a exposición e difusión das súas obras. Un xurado de profesionais da arte e da fotografía seleccionará 20 fotografías, que pasarán a formar parte da mostra virtual que se publicará na web propia do festival www.compostelaphoto.santiagocentro.gal. Parte desta escolla tamén será reproducida nos portais dos garaxes na terceira edición de Compostela Photo.

Compostela Photo forma parte da liña de actuación aberta por Santiago Centro de dinamizar o comercio e a actividade empresarial do Ensanche ligando a zona coa arte de vangarda e a innovación. O festival entronca coa Mostra de Arte nos Escaparates de Santiago Centro, Pasearte, que chegou a pasada primavera á súa cuarta edición.

Bonos Corazón

O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse, a preguntas dos xornalistas, á nova edición dos Bonos Corazón Compostela. "A nosa intención é sacar a convocatoria arredor do 15 de outubro", indicou, convocatoria que este ano contará cun orzamento de 3 millóns de euros que se repartirán en bonos de 30, 50 e 75 euros, como o ano pasado. O prazo de gasto estenderase ata o 10 de decembro.

Compartir: