SMARTIAGO

O Concello de Santiago presentará o vehículo autónomo desenvolvido no marco do proxecto Smartiago no Foro Greencities S-MOVING en Málaga

20/09/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, asistirán ao 13º Foro de Intelixencia e Sostibilidade Urbana que se desenvolverá en Málaga este mércores e xoves, 21 e 22 de setembro. A axenda de Santiago programada para o evento inclúe, ademais da presentación do vehículo autónomo no stand de Vodafone, adxudicataria da iniciativa no marco do proxecto SMARTIAGO, a participación no Encontro de líderes urbanos que reunirá aos alcaldes da Rede Innpulso.

A axenda institucional arrancará esta tarde cun encontro co alcalde de Málaga e a recepción de benvida que terá lugar no concello da cidade a partir das 20:00 h. Xa no marco do Foro Greencities que comeza mañá, a comitiva compostelá visitará o stand de Vodafone España onde estará exposto o vehículo de condución autónoma desenvolvido polo Concello de Santiago no marco do proxecto SMARTIAGO. Posteriormente reuniranse con Carlos Becker Mantecon, director de Marketing e Desenvolvemento de Negocio en Vodafone Business.

Os concelleiro Sindo Guinarte e Mercedes Rosón tamén aproveitarán a súa presenza no Greencities para visitar pola tarde o Centro Europeo de I+D Vodafone. O alcalde Xosé Sánchez Bugallo participará o xoves ás 10:45 na mesa redonda "Tecnoloxías dixitais: facilitadores críticos para la Smart Green City" e manterá un encontro con Vinod Kumar, CEO e membro do Comité Executivo de Vodafone.

Encontro de líderes urbanos

Xosé Sánchez Bugallo tomará parte no "Encontro de líderes urbanos", actividade paralela do foro que reunirá a alcaldes e alcaldesas de diferentes urbes españolas para intercambiar casos de éxito, experiencias, áreas de mellora e protocolos de actuación sobre a xestión das cidades, con vistas a crear un coñecemento común a través da colaboración entre entes municipais.

O encontro de líderes urbanos terá lugar mañá, mércores 21 de setembro a partir das 16:00 horas. O obxectivo desta reunión é lograr cidades máis sostibles, socialmente responsables, competitivas e enmarcadas nos parámetros das políticas estatais e europeas de desenvolvemento urbano sostible. En concreto, búscase traballar de maneira colaborativa en impulsar o desenvolvemento e a implementación da Axenda Urbana nas cidades, así como fomentar a innovación e a tecnoloxía como eixos transversais das políticas de desenvolvemento urbano.

Vehículo de condución autónoma

O primeiro vehículo autónomo de Santiago, desenvolto no marco do proxecto do Concello de Santiago SMARTIAGO, foi presentado a pasada semana en Compostela. Vodafone España, adxudicataria da iniciativa, está a desenvolver un Living Lab de loxística de última milla, que contará con dous vehículos eléctricos autónomos para o seu desenvolvemento. Entre os obxectivos do proxecto, dotado dun investimento de 662.970,00€, atópanse o de mellorar o transporte de mercadorías no centro da cidade e o de reducir as emisións contaminantes. Así mesmo, a iniciativa contará cun Living Lab, un espazo vivo desenvolvido por Vodafone para asesorar a emprendedores e empresas no uso da plataforma e sobre a súa participación na mesma.

O proxecto SMARTIAGO desenvólvese en virtude dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela, e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020; e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Direccións relacionadas



Compartir: