DEPORTES

O campo das Cancelas de Santiago acolle esta fin de semana o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

16/09/2022 Neste torneo, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e a SD Compostela, participarán durante tres días 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia. O evento deportivo foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.

O campo das Cancelas de Santiago acolle desde hoxe, venres 16 de setembro, e durante o sábado 17 e o domingo 18 de setembro, o primeiro Torneo Alevín F-8 Deputación da Coruña, organizado en colaboración co Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e a SD Compostela. Tamén haberá actividades paralelas de ocio que impulsarán a participación e a socialización.

Esta mañá tivo lugar na sede provincial a presentación institucional do torneo, na que participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa e o xerente da SD Compostela, Miguel Fernández.

O trofeo celebrarase en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nados nos anos 2009 e 2010). Na cita participarán un total de 336 nenos e nenas de 24 equipos da provincia. "Estou segura de que moitos destes rapaces e rapazas que hoxe xogan xuntos ao fútbol forxarán, ao redor do balón, unha amizada que perdurará toda a vida", indicou Capelán.

A deputada Cristina Capeláns fixo referencia á repercusión económica que terá este evento para a cidade xa que "Santiago será un fervedoiro de xente esta fin de semana" porque "ademais dos participantes, as rúas da cidade compostelá encheranse coas familias dos nenos e nenas, que vibrarán e desfrutarán con cada partido". "Temos un emprazamento inmellorable por estar ao carón da cidade monumental, o que fará que estas familias poidan desfrutar dunhas xornadas de ocio, esparexemento e deporte, a partes iguais, na capital de Galicia", salientou.

Sistema de competición

A competición terá unha liguiña inicial de catro equipos por grupo e posteriormente eliminatorias divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro e os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria do mesmo, co obxectivo de que todos os equipos disputen o mesmo número de encontros.

Ademais, durante as xornadas terán lugar actividades de lecer paralelas, que estarán a disposición de todas as persoas que se acheguen ata o campo das Cancelas.

Compartir: