ACCIÓN CULTURAL

O Instituto de Investigación Sanitaria e a Real Filharmonía alíanse co proxecto pioneiro Sensoxenoma22 que estudará a reacción do xenoma humano aos estímulos musicais

14/09/2022 O 30 de setembro celebrarase un concerto experimental no Auditorio de Galicia no que se recollerán mostras biolóxicas do público xeral para estudar a resposta do ARN perante a música. A presentación do proxecto contou coa presenza da concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón.

O Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e a Real Filharmonía de Galicia presentaron este martes o proxecto Sensoxenoma22, que comeza coa organización do primeiro concerto no que a música e a ciencia se alían para investigar sobre as bases xenéticas do estímulo musical e estudar o seu potencial terapéutico na loita contra a enfermidade.

Á presentación deste proxecto de vangarda en Santiago de Compostela asistiron o catedrático Antonio Salas Ellacuriaga, investigador principal de Xenética en Biomedicina (GenPob) e do GenVip e catedrático da Facultade de Medicina da USC; o doutor Federico Martinón Torres, investigador principal do Grupo GenVip e xefe do servizo de Pedriatría do CHUS; Baldur Brönimann, director do concerto Sensoxenoma22; e Sabela Garciía Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia. Estiveron acompañados por Eloína Núñez Masid, xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza; Mari Luz Couce, directora do IDIS; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago e Xaquín López, xerente do Auditorio de Santiago.

Segundo explicou Antonio Salas, "a finalidade deste proxecto pioneiro é buscar as bases biolóxicas do estímulo musical e con iso intentar averiguar algúns marcadores que nos poidan permitir investigar sobre distintas terapias". Tamén incidiu na novidade que supoón xa que "ao non haber investigacións anteriores, o ámbito de traballo é moi amplo e permítenos encher un baleiro que existe en como a música se relaciona co noso xenoma".

O doutor Federico Martinón explicou que é unha liña de investigación novidosa. "Nada hai máis poderoso que os nosos sentidos, é unha liña de conexión directa co noso cerebro e o noso sistema nervioso central e poucos estímulos son tan potentes nesa liña como é a música", explicou. Segundo contou, as liñas que se abren poden ser moitas. "O que se pretende nesta primeira liña de traballo dentro de Sensoxenoma22 é estudar especificamente cales son as bases moleculares que a música produce no noso cerebro e ver se en específicas patoloxías pode ter ata unha utlidade terapéutica", indicou.

O primeiro paso desta investigación céntrase na música e na expresión dos xenes na poboación xeral e distintos contextos da patoloxía humana coma o cancro, Alzheimer, trastorno de espectro autista (TEA) ou dano cerebral, entre outros, co fin de obter datos a grande escala, analizalos con rigor científico usando técnicas de vangarda e, eventualmente, poder proporcionar ferramentas que melloren a calidade de vida das persoas con este tipo de enfermidades.

Un repertorio sorpresa
Pola parte musical, Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía, fixo fincapé no orgullo que supón para a institución participar neste ilusionante proxecto. "Cando o equipo de investigación do IDIS veu falar coa orquestra para ofrecernos ser partícipes deste experimento, sentímonos inmediatamente entusiasmados" resaltou.

Tamén explicou García Fonte que o público pode acudir como público doante de mostras obtendo na web sensogenomics.com un consentimento informado que debe de entregar antes do día 21 de setembro. Tamén se poderá asistir como público non doante, obtendo o convite a través da web do proxecto ou de Compostela Cultura.

Baldur Brönimann, director do concerto do vindeiro día 30 destacou que o programa non se coñecerá previamente. "Preparamos un programa para este experimento e que será unha sorpresa porque parte do que un agarda no concerto é a aventura de non saber o que se vai tocar", destacou.

Concerto Experimental
Sensoxenoma22 pon en marcha o concerto experimental que terá lugar o 30 de setembro no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas. Un concerto dirixido á poboación en xeral no que se recollerán mostras biolóxicas de todas aquelas persoas que queiran forman parte e colaborar nesta investigación a gran escala.

Así, antes do evento farase unha recollida de mostras biolóxicas non invasivas e ao finalizar repetirase o mesmo proceso. Desta maneira poderase medir a resposta dos xenes en dous puntos temporais e a resposta que tiveron a ese estímulo musical.

Deste xeito, convídase as persoas a asistir e sacar a entrada gratuíta con toma de mostras, e que deberán ter asinando un consentimento informado. Ademais, realizarase unha sesión informativa o 19 de setembro no Auditorio de Galicia.

Apoios internacionais
Do proxecto Sensoxenoma22 destaca o seu comité científico asesor con reputadas personalidades a nivel nacional e internacional, como o pianista James Rhodes, o microbiólogo no Hospital Monte Sinaí, Adolfo García Sastre; o antropólogo Juan Luís Arsuaga Ferreras; o xenetista do Kunning Instituto of Zoology-Chinese Academy of Science, Yong Gang Yao; a catedrática de Farmacoloxía da USC, María José Alonso Fernández ou a directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, María Martinón Torres.

Tamén son membros do comité o neurólogo José María Prieto González, o oncólogo Rafael López López, o psiquiatra José Mazaira Castro, o neuropediatra Jesús Eirís Puñal, o radio-oncólogo Antonio Gómez Caamaño, a xenetista Laura Sánchez Piñor, o farmacólogo Manuel Freire Garabal Núñez, o paleoneurobiólogo Emiliano Bruner, o pediatra-inmunólogo Palma Paolo, o pediatra-infectólogo Carlo Giaquinto, os xenetistas Antonio Torroni, Martin Richards e Vincent Macaulay, o microbiólogo Adolfo García Sastre, a violinista Amandine Beyer, o director artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, e os chef Jon Eceiza Arandia e Andoni Luís Aduriz. Ademais, cóntase cun comité de honra presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Direccións relacionadas



Compartir: