ACCIÓN CULTURAL

A VI edición do Festival HerDanza leva de novo a danza contemporánea ás rúas compostelás

14/09/2022 O HerDanza é un festival de danza contemporánea ao aire libre promovido por Can Cun Quinqué en colaboración co Concello de Santiago que se desenvolverá os días 15, 16 e 17 de setembro en diferentes espazos de Compostela como a praza de Mazarelos, o cemiterio de Bonaval, a praza da Inmaculada ou o Museo do Pobo Galego, entre outros. Todas as actividades son de acceso libre.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada polo director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; os directores do festival Isabel Sánchez e Leodan Rodríguez, e a artista Carlota Rosón; presentou esta mañá a VI edición de HerDanza, cita cultural que pretende dinamizar e difundir a danza contemporánea na cidade de Compostela a través dun amplo programa de espectáculos ao aire libre en diversos espazos da cidade e visionados de danza.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, salientou a capacidade deste festival para "dar especial visibilidade a creadores e creadoras galegas e a artistas emerxentes de talento que doutra maneira non teñen posibilidade de amosar os seus traballos", así como de "poñer en valor o noso patrimonio, ao contemplar as rúas da de Compostela como escenario natural", e de "achegar a cultura á rúa e a toda a veciñanza".

Apertura do Festival
A VI Edición do festival HerDanza abrirase o día 15 de setembro ás 13.00 h na praza de Mazarelos, coa peza "Instante gradual" da compañía Kirenia Danza. Esta apertura realizarase en colaboración coa programación descentralizada "Danzar no camiño" apoiada polo programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, que vai xerando anualmente un arquivo xeomapa de patrimonio audiovisual danzario das súas actuacións site-specific en lugares recoñecidos e emerxentes dos Camiños de Santiago para poder disfrutalo dende calquer dispositivo dixital.

Saída de Emexencia(III Edición)
O festival HerDanza nesta VI Edición proporá unha vez máis un espazo onde os e as artistas emerxentes podan mostrar o seu traballlo.
Esta convocatoria está especialmente pensada para compañías emerxentes e proxectos de nova creación, así como intervencións, investigacións ou outro tipo de formatos e discursos mixtos. Tamén poderanse inscribir profesionais más establecidos que teñan proxectos en proceso de creación.

Visionados
O festival tamén ofrece na súa programanción a proxección do documental audiovisual do COLECTIVO RPM "Isto non é Berlín" en colaboración co Museo do Pobo Galego. "Isto non é Berlín" é unha peza audiovisual documental sobre a comunidade de artes vivas da cidade da Coruña, realizada por Colectivo RPM. Trátase dun retrato dunha época que amosa a pluralidade e efervescencia da escena da cidade, que con todas as súas luces e sombras, conforman o capital artístico de Galicia.

Direccións relacionadas



Compartir: