CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha exposición fotográfica no barrio de Cornes dá a coñecer a profesión das redeiras

02/09/2022 A Casa das Asociacións de Cornes acollerá ata o 16 de setembro a mostra "Redeiras, unha profesión con historia" co obxectivo de dar a coñecer de primeira man as características e os detalles desta tradicional profesión. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o concellleiro de CSC, Javier Fernández; e a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás o Peirao, Verónica Veres.

Tras percorrer diferentes municipios galegos, a mostra "Redeiras, unha profesión con historia" chega a Santiago para que veciños e escolares poidan coñecer de preto o traballo diario destas máis de 400 mulleres nas catro artes de pesca: artes menores, palangre, cerco e arrastre.

Durante a inauguración o alcalde Xosé Sánchez Bugallo recordou que "se trata dunha profesión tradicional totalmente fundamental xa que o papel das redeiras non ten substitución a corto prazo", e que o sector pesqueiro ten un enorme impacto "na nosa calidade de vida como galegos pero tamén da noso atractivo como destino turístico".

A presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás o Peirao, Verónica Veres Tasende, tamén salientou que con esta iniciativa "preténdese visibilizar unha profesión que segue sendo 100% artesanal" e que "moita xente do interior descoñece totalemente".

A exposición está integrada por case 30 fotografías e desenvolveuse grazas ao financiamento da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. A pesares de que este oficio se desenvolve principalmente na zona costeira, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao optou por levar ao interior esta mostra para que a sociedade en xeral coñeza as distintas profesións que se esconden tras un sector produtivo estratéxico para Galicia e para España.

Compartir: