ACCIÓN CULTURAL

Este sábado, 3 de setembro, arranca o festival "Agustín Magán" de teatro afeccionado, no que colabora o Concello de Santiago

01/09/2022 Esta mañá presentouse a XXII edición do Festival Agustín Magán, que se desenvolverá entre o 2 e o 23 de setembro no Teatro Principal, no Salón Teatro, na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. O evento está organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, e conta co apoio do Concello de Santiago.

Serán un total de seis espectáculos nos que participarán outras tantas compañías. O festival comeza o sábado, día 3, ás 20:00 h. no Salón Teatro, con "O caso de Martha Stutz", un drama para público adulto interpretado por "Desfeita Teatro. O domingo, día 4, AtrezzoTeatro representa, no mesmo escenario, "Que familia", unha comedia para todos os públicos. O 17 e 18 de setembro as funcións desenvolveránse no Teatro Principal. O sábado acolle "Nadal na casa dos Lamelo, unha farsa para "público familiar" de Achádego Teatro. E o domingo, "Un desastre de función", unha comedia para todos os públicos que nos presenta Gargallada Teatro. A última fin de semana de setembro, o 23 e 24, chegan á Sala Magán "Sincronizadas", unha comedia de Farándula Velutina, e "A pena do cu do mundo", unha comedia musical que interpreta Carranchanacacha (Aturuxo de Melpómene).

Ademais das concellarías de Acción Cultural e de Centros Socioculturais do Concello de Santiago, no Festival Agustín Magán tamén colaboran a Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o Centro Dramático Galego.

Neste momento, o Concello de Santiago tamén está colaborando con FEGATEA na programación de Fega Teatro. Dez funcións que se están desenvolvendo en distintos Centros Socioculturais da cidade durante o segundo semestre deste ano. O Fega Teatro" xurde como proposta para achegar ese teatro amador a toda a veciñanza por medio dos centros socioculturais, mesmo aos que non contan cunha dotación técnica ampla. O seu obxectivo é ampliar a oferta cultural, e contribuír á creación de novos públicos, chegando a espazos tando do urbano como do rural que non teñen una programación teatral estable.

FEGATEA

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 700 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus máis de 20 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, organizando e colaborando en distintas actividades. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.
Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro...) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, Fega Teatro, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Compartir: