MOBILIDADE

O Concello de Santiago solicita ao Ministerio de Transportes a aplicación da bonificación do 30% no prezo do billete

04/08/2022 O Goberno Municipal acordou solicitar as axudas ao transporte urbano e interurbano do Real Decreto-Lei 11/2022, de 25 de xuño do Goberno Central, que abaratan un 30% o prezo dos abonos e títulos multiviaxe. O período no que se aplicaría a medida sería dende o 1 de setembro ao 31 de decembro de 2022.

O acordo, adoptado en Xunta de Goberno co obxectivo de fomentar o transporte público e á vez axudar economicamente á cidadanía, afectaría aos seguintes bonos:

- Bono ordinario que pasará de 0,60 euros por viaxe a 0,42 euros.

- Bono escolar que pasar de 0,40 euros por viaxe a 0,28 euros.

- Bono mensual, que pasa de 26 euros ao mes, a 18,20 euros.

As persoas beneficiarias non poderán dispor de máis de 100 viaxes na tarxeta de bonificación. Estas medidas de apoio son compatibles e acumulables con calquera outra subvención ou axuda que poida estarse concedendo ás persoas usuarias do transporte coa finalidade de reducir o prezo final dos billetes multiviaxe expedidos polos prestadores do servizo.

Así o establece o citado citado Real Decreto-lei polo que se adoptan e se prorrogan determinadas medidas para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, e para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica. A normativa tamén sinala que a xestión destas axudas se realizará a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, por parte das as comunidades autónomas e entidades locais, así como outros entes supramunicipais; que presten servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano.

Compartir: