ACCIÓN CULTURAL

O vindeiro sábado celebrarase a I edición do Fechiño, Festival Rupestre e de Proximidade

03/08/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada por Ramom Pinheiro Almuinha, director artístico de aCentral Folque, presentou esta mañá "O Fechiño", o Festival Rupestre e de Proximidade, que terá lugar o próximo sábado 6 de agosto na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha.

Organizado por aCentral Folque coa colaboración da Asociación Ambientalista A pedra que fala, asociacións de veciños de San Xoán de Fecha e co apoio do Concello de Santiago, "O Fechiño" inicia a súa singradura co obxectivo de pór en contacto á comunidade local co patrimonio rupestre da zona, mediante propostas culturais próximas e sustentables que combinarán música, baile, roteiros, conversas, improvisación oral e gastronomía.

A concelleira Mercedes Rosón mostrouse convencida que a primeira edición do Fechiño "vai ser un éxito" porque "pon en valor o noso patrimonio rupestre e o noso rural, e ademais trátase dunha experiencia lúdica, para compartir en familia, e coas amizades e a veciñanza, una experiencia de reencontro despois dos duros anos de pandemia". Ademais recordou que haberá un autobús que sairá ás 10:00 h da mañá da praza de Galicia e animou á veciñanza de Compostela a "participar nesta xornada para celebrar o noso patrimonio e o noso rural".

Programa
As actividades estenderanse ao longo de toda a xornada. Pola mañá, haberá dous concertos: A Pedreira (Ugia Pedreira) ás 11 h na Pedra que Fala e Su Garrido Pombo ás 13 h en San Xoán de Fecha. Ademais, terá lugar o roteiro rupestre conducido polo Clube Espeleolóxico Maúxo no que visitaremos as estacións rupestres da Pedra que Fala, o Casarello, a Pedra Cabalgada e o Aguillón.

O xantar popular comezará ás 14:30 h en Lamascal. Ás 16:30 comezará Ollares cruzados, un café-conversa sobre iniciativas transformadoras do rural. Conducido pola antropóloga Paula Ballesteros, contará coas intervencións de Ana Iglesias Noya, veciña de Vilar do Rei e integrante da Asociación A Pedra que Fala; Carlos Martínez Uzal, coordinador da Asociación Itínera e Xoán-Xil López, artista sonoro e membro do Colectivo Rupestre Sonoro de aCentral Folque.

O baile assalto-danzas do mundo que abre a programación de tarde vén da man da bailadora Mercedes Prieto e o dúo musical Wod ás 17:30. Continuará unha sesión de improvisación oral do payador arxentino Wilson Saliwonczyk ás 19 h e fecharán os concertos dúas bandas folk chegadas desde Oxford (UK): Owl Light Trio ás 20:30 h e Xógara ás 22 h.

É necesario facer reserva para o xantar e para ter praza no bus que sairá ás 10:00 h da Praza de Galicia con parada en Santa Isabel. O mail de información e reserva é ofechinho@folque.com

Documentos relacionados



Compartir: