TURISMO

Turismo de Santiago participa na Primeira Xornada de Conectividade Aérea Turespaña-Aena

06/07/2022 A entidade de promoción turística municipal participou en Valencia na "Primeira Xornada de Conectividade Aérea, organizada conxuntamente por Turespaña e Aena, destinada exclusivamente a destinos turísticos, polo que se trata dunha xornada profesional destinada a un público moi específico. O obxetivo é fomentar o desenvolvemento da conectividade aéra internacional tras o Covid e coordinar mensaxes precisos de forma unificada e eficaz.

Na xornada, que se celebrou este 6 de xullo, estiveron presentes as principais compañías que conectan España cos seus mercados emisores estrátexicos, entre elas as compañías con maior presenza no aeroporto de Santiago. En concreto, houbo dúas mesas redondas nas que as diferentes compañías amosaron a súa visión respecto dos destinos españois. A primeira estivo adicada a Aeroliñas Low Cost e a segunda a Aeroliñas tradicionais e Grupos Turísticos.

Na primeira mesa participaron easyJet, Eurowing, Ryanair, Vueling Airlines y Wizz Air. Na segunda participaron Air Nostrum, IATA, Iberia-Iberia Express, Jet2 y TUI. A Xornada incluiu ademais actividades de Networking que permitiron que Turismo de Santiago reforzase o contacto que xa ten coas diferentes compañías co obxectivo de continuar ampliando a conectividade do aeroporto compostelán.

O Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro está sendo o aeroporto peninsular con mellor comportamento neste ano 2022, situándose en maio xa practicamente nos mesmos niveis de tráfico acumulado que no ano 2019, ano no que conseguira o seu cuarto máximo consecutivo de número de pasaxeiros.

Así, ata maio o aeroporto de Santiago sumou 1.057.622 pasaxeiros, apenas un 1,4% menos que no ano 2019. Pola súa banda, a caída media dos aeroportos españois neste periodo foi do 19,9%. En concreto, no mes o aeroporto de Santiago superou os 300.000 pasaxeiros, cun crecemento do 16,7% respecto de maio do 2019.

A previsión é que nos meses de verán continúe a forte recuperación do aeroporto grazas ao incremento substancial da oferta das compañías que operan en Santiago. Así, neste verán Santiago ten a maior conectividade da súa historia, con rutas a 19 aeroportos internacionais.

Compartir: